Ialma son 5 cantareiras residentes en Bruselas pero conectadas con Galicia, terra de orixe e inspiradora primixenia da súa proposta. Con este “Simbiose” aproveitan para celebrar os seus dez anos de traxectoria e presentan maioría de pezas de orixe tradicional, coa notable excepcións de “6AM” e a sorprendente versión das Bangles “Dance Like a Galician” (que mágoa que non se entenda mellor a letra de Carlos Blanco!). Poderiamos resumilas como unha hipotética suma do xeito de cantar das Leilía e o envoltorio musical das Faltirqueira. Neste aspecto, os músicos e produtores artísticos Pascal Chardome e Ad Cominotto encárganse con oficio de elaborar esta mestura de tradición e pop, entendido no senso de accesible ou facilmente asimilable. É dicir, que coma produto está máis preto de The Corrs e o Carlos Núñez de “Mayo Longo”, por exemplo, que de Mercedes Peón ou Berrogüetto. Nos textos e fotos do libriño amosan a relación co noso país a través de 10 disciplinas artísticas: Enrique Otero, Casa de Comidas O 16, Marco Méndez, David Aranda, El Puto Coke, Obradoiro Seivane, Carlos Blanco, Adega Terras Gauda, Serxio Cobos e Xavier Queipo (que achega o texto de “Grixoa”). Como amosa a aparición do rapeo de Puto Coke en “100 voltas”, non todos as ideas saen ben paradas, pero o álbum en conxunto ten bos momentos entre os que salientar “6AM”, “Grixoa”, “Carraskashion” ou a adaptación da peza tradicional de Québec rebautizada como “Na iauga” polo escritor Xavier Queipo.
Pepe Cunha 12-marzo-11.
Featured