nota:
O pasado Nadal saía á rúa o seu último disco, ‘Camiño’, e logo de levalo por toda Europa (con concertos en Bélxica, Austria, Francia e España), agora regresan a Galicia para presentalo en dous novos concertos: A Coruña mañá 1 de maio ao Teatro Rosalía e a Compostela o 3 do mesmo mes para facer o propio no Teatro Principal.
O pasado nadal saía á rúa o quinto álbum do grupo de pandereteiras galego-belgas Ialma, titulado ‘Camiño’. Case vinte anos despois de comezaren a xuntarse para cantar, volven de novo cun novo disco debaixo do brazo no que contan a súa historia e a das súas familias e no que queren facer unha homenaxe aos galegos e galegas da emigración.
‘Camiño’, que leva como subtítulo ‘De Bruxelas a Santiago’, é a historia da súa emigración e da dos seus pais, pero que segue a evolucionar “porque un camiño nunca se para”, din. “É un camiño de loita, cultural, de diversidade, de descubrir e de contactar co público e coa xente doutras culturas. É un camiño que levamos percorrendo moitos anos e que cantamos a través das nosas cantigas”.
O novo disco tamén é un canto á diversidade: “Descubrirmos novas culturas musicais permítenos enriquecernos e coñecernos mellor”, afirman, definindo así a evolución que fixo o grupo que contribuíu a perpetuar, renovar e facer evolucionar a música tradicional galega.
O traballo inclúe 13 temas, algúns tradicionais e outros de feitura ‘trad’ con letras contemporáneas, de autor, a cargo de Brais Fernández. Tamén inclúen un tema en italiano e outro dedicado aos refuxiados, que nos explica Marisol Palomo: “porque é o mesmo que a historia dos nosos pais e avós. A miña avoa veu cunha maleta metida no tren con tres fillos. É exactamente a mesma imaxe que vemos hoxe. Esa é a historia das catro de Ialma. Uns viñeron como mineiros, outros fuxiron da Guerra, outros foron fusilados, é como unha homenaxe á nosa historia e chamando a intentar cambiar o futuro”.
Nos concertos, entre tema e tema, Marisol Palomo vai narrando as historias das súas familias a través dun diálogo entre nena e avoa.
Ialma son Verónica Codesal, Magali Menéndez, Natalia Codesal e Marisol Palomo. Nos directos contan tamén con Didier Laloy ao acordeón diatónico e Quentin Dujardin na guitarra e dirección artística, que tamén é o responsable da produción e dos arranxos do disco.
‘Camiño’ é o seu quinto disco logo de ‘Simbiose’ (2011), ‘Nova era’ (2006), ‘Marmuladas’ (2002) e ‘Palabras darei (2000). Nestes case 20 anos de actividade teñen colaborado con Mercedes Peón, Kepa Junkera, Carlos Núñez ou Eliseo Parra, entre moitos outros.
Aínda que nadas e residentes en Bruxelas, as catro intergrantes están en conexión constante con Galicia e coas súas tradicións, que lle permitiron construír aos poucos un repertorio de cantos e bailes coa pegada das súas raíces, mais adaptadas á súa nova realidade: a das mulleres de hoxe en contacto con diferentes culturas, linguas e estéticas.
Entradas aquí: