nota:
O grupo internacional de cantareiras belga Ialma volta aos escenarios galegos para homenaxear a Rosalía de Castro.
O grupo Ialma está composto por catro cantareiras fillas da emigración nacidas en Bruxelas. Catro mulleres loitadoras e concienciadas coa esencia máis tradicional, a contemporaneidade e a fusión das culturas que conviven con naturalidade e harmonía na cidade belga. Os seus traballos, característicos por reflectir a súa propia historia e a de tantos emigrantes, que se repite no tempo, leva 20 anos recorrendo o mundo polos mellores festivais de música folk, de raíz, de fusión e divulgación. Dende Ortigueira ata Castrelos, dende Marrocos ata Taiwan ou Canadá e incluso ate Eurovisión de mans dunha das compoñentes, Verónica Codesal. Grandes artistas como Guadi Galego, Dulce Pontes, Carlos Núñez, Mercedes Peón, Kepa Junquera, Quique Peón, Xurxo Fernandes, Eliseo Parra, Kiko Veneno, A Filleta, Manou Gallo, Arbon Urban Trad apostaron pola súa marabillosa colaboración.
Con sete exitosos discos no mercado, Ialma volta a Galicia con cancións do exilio, con alento cheo de diversidade en forma de cantareiras. Música de raíz galega cunha ollada futurista, adaptada aos novos tempos tanto en temática como en ritmo. Temas profundos e sentimentais conviven con outros máis festivos e bailables para homenaxear a Rosalía de Castro.
Ialma e Rosalía, almas xemelas identificadas pola historia, as vivencias, o sufrimento… Ao igual que a ilustre galega, Ialma é un horizonte de esperanza que ama a música, a poesía, a danza, a xente.
Ialma é dignidade, liberdade e alegría de vivir.