Holywater “Arboreal”

Xuño 07, 2019

Hai que ser valente para regresar anos despois e facelo cunha proposta tan diferente. O álbum anterior, “Wasteland”, viu a luz no 2012 e tras un par de anos de xira deixamos de ter novas da banda. Disque Ricardo, vocalista, compositor e guitarra da banda, se retirou ao campo, ou o bosque, e provocou outro xeito de facer na banda. Os decibelios do local de ensaio deron paso ao recollemento no salón dun piso, onde as dúas guitarras (Ricardo e Martín) e o baixo de Mito construíron as cancións centrados na parte máis puramente acústica ou orgánica da banda. O mencionado “Wasteland” ou “Path to Follow” foran álbums ben eléctricos e co mesmo produtor e chegou un momento no que este novo tempo de ensaios os animou a cambiar.

E de paso a lanzaren un reto a ese público que gañaron cunha traxectoria sólida e bo facer nos directos ao longo dun par de décadas, especialmente desde “Sides” (2004). O desafío é este “Arboreal”, unha colección de cancións que (nestes tempos de présas e sobredose de información) exixen pararse a escoitar, adicarlles máis atención. Ou polo menos a que necesitan unhas cancións espidas de electricidade e distorsión. Porén, non sería necesario apuntar que iso signifique falta de intensidade ou emoción. Case diría que ao contrario, e aí temos unha longa tradición de grandes traballos de rock acústico, e non só nesa época que motivou a aparición dos Holywater : ese rock dos 90 ora tirando ao grunge (Alice in Chains, Pearl Jam, Soundgarden … ), ora máis escorado ao country (Uncle Tupelo e Whiskeytown, Drive-By Truckers …). E non esquezamos o padriño do grunge e referente imprescindíbel se pensamos nunha bicefalia eléctrica e acústica: Neil Young.

Pois sen “trampas” (“En la grabación de este disco no se han usado instrumentos virtuales ni correctores de afinación”) e por esas paraxes inspiradas seguimos constatando agora o cohesionado traballo instrumental dos instrumentistas e a sempre convincente interpretación á voz de Ricardo. Non faltaban mostras de rock acústico na súa discografía, pero aquí se concentran probablemente as mellores, pois están máis traballadas; son as protagonistas e non a nota diferente entre un contexto máis potente. Os case oito minutos da inicial “Come Back”, onde Álex Vilas achega a batería, colocan @ ouvinte no seu sitio. O título da final “Take Your Time” pode ser significativo: ou adoitas unha predisposición cómplice ou mellor reservas un momento mellor acaído para gozar dos matices, da beleza melancólica e reflexiva de cancións coma as mencionadas ou “Believe”, talvez a melodía máis inmediata do disco, “Every Feel”, “Cinema”… cos engadidos puntuais de pianos, ukelele, frauta, armonio … E redondeando a xogada, a correspondente coidada edición en vinilo.

Pepe Cunha, 7-xuño-2019

AXENDA

Facebook

14 hours ago

Ábrete de orellas
A actualizar a axenda de concertos con citas como estas.De contactardes abretedeorellas@gmail.com facilitariades o labor. 😁 ... See MoreSee Less
Ver en Facebook