Holywater

Xaneiro 05, 2013

Quinto disco en 10 anos, pero os tres últimos desde o 2009, o que indica que a banda xurdida en Lugo hai tempo que se consolidou, vai en serio e está en forma. Tras a merecida aceptación do seu anterior traballo, “The Path to Follow”(2010) e unha notable bagaxe de concertos en salas e festivais pola Península, repiten co selo galego Ernie Producciones e a gravación nos estudios Ultramarinos Costa Brava con Santi García. Se as cousas van ben, mellor pulilas que cambialas. E isto é o que fan en “Wasteland”, a súa entrega máis completa.

Seguen alimentándose do rock alternativo americano dos 90 pero non só lembrándonos nomes máis habituais como Pearl Jam ou Screaming Trees, senón que en pezas como “Deeper Down the Grass” notamos aires deses soul-rock de Greg Dulli (The Twilight Sisters, The Afghan Whigs) ou en “There”s Something Around” ou “Wasteland” da reunión de Neil Young cos Crazy Horse naquel magnífico “Ragged Glory”, álbum practicamente en directo aínda que gravado en estudio. E precisamente a isto nos soa “Wasteland”: a disco que fai xustiza ao directo da banda. O son semella non estar tratado máis do necesario, conservando a contundencia da batería e o baixo e a pesadez ou fío cortante das guitarras. Outras influencias dos 90 como Soul Asylum ou Dinosaur Jr afianzan o feito de que a agresividade non escureza a presenza da melodía.

Consecuencia de todo isto, “Wasteland” resulta un paso adiante no protagonismo para os instrumentos sen que a poderosa e carismática voz de Ricardo Rodríguez deixe de impresionar de seu. Tamén cómpre salientar que o baixista Mito xa participa por primeira vez na gravación e co-escrebe “Dive in Time”, outra das pezas notables do disco, ben acaída á paixón interpretativa de Ricardo. Enérxicos, intensos, crus, auténticos. potentes, tanto cando soltan adrenalina (“Grow Deaf With Silence”, “Brave, Free”) como cando levantan o pé do acelerador (“Same Old Moon”). Así seguen a ser os Holywater. Seica non son os mellores tempos para chegar a máis público, pero que os podes recomendar sen medo a defraudar é incuestionable. Se falamos de álbumes, “Wasteland” xa é a súa mellor tarxeta de visita, aínda que no CD se boten en falla os textos. Porén, paga a pena facerse co vinilo, ben acaído para os 40 e pico minutos de rock.

Pepe Cunha, 20-dec-2012

AXENDA

Facebook

2 hours ago

Ábrete de orellas
Este xoves comeza unha nova edición do MUMi - encontro profesional de música de Galiza e Portugal. Alí estaremos como medio nos faladoiros e showcases de venres e sábado. A maioría destes concertos son abertos ao público. Consultádeos nas súas redes sociais. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook