Holgado “O fillo de Suso”

Maio 18, 2022
Nun país como o noso, sen unha industria ou escena normal, a falla de comunicación e canles de difusión provoca un caos onde tanto unha proposta accesíbel ou habitual como outra máis underground-alternativo corren o risco de quedaren máis ou menos eclipsadas. Por militancia e curiosidade, apenas sabía que Holgado publicara un mini-álbum en castelán en 2015: “La Gran Promesa Blanca”, que me parecera moi ao Nacho Vegas. Afortunadamente, o regreso dA Regueifa Plataforma salvoume de perder e non vos compartir agora un traballo fermoso de folk espido, de raíz norteamericana que supón unha sorpresa a celebrarmos desde o recollemento e a atención.

“Ricardo Vieito e Carmen Fuentes vivían nunha casa vella de pedra no barrio de Vilachán, en Negreira. Tiveron dúas fillas, e anos máis tarde chegaron ademais catro fillos. Durmían todos enriba da cuadra das bestas. Ricardo e Carmen traballaron sempre de labregos. Oitenta anos mais tarde o seu neto grava doce cancións que configuran un testemuño da nostalxia do rural.” Así nos sitúan para unhas letras que expresan a nostalxia e a melancolía das lembranzas asociadas a unha infancia no rural: as filloas na lareira, o carro cheo de herba seca, o “No Code” de Pearl Jam de fondo nunha radio, un saco de petardos, nada-lo río pola presa do muíño …. E veñen vestidas con roupas sonoras asociábeis aos Amigos dos Músicos en canto a referentes galegos dos 70 como Suso Vaamonde, Miro Casabella, Bibiano, Benedicto … Porén, no que se refire ás influencias, Holgado vai máis pola sinxeleza aparente dos cancionistas alternativos como Damien Jurado, Bill Callaham, Will Oldham, Bon Iver …

Desde o distanciamento de vivir agora na grande urbe de Madrid, o barcalés Keko Ponte compuxo, gravou e produciu un material que procura a emoción e que mandou masterizar a Kadifornia con Mario G. Alberni. Todo un acerto, ao igual que as achegas puntuais do cello de Elisa García ou o piano de Miguel de la Ossa. Co mesmo coidado chama a atención a edición física, limitada a 300 exemplares en vinilo de 12″ con carpeta dobre e collages de Martina Charaf feitos a partir dun álbum de fotografías da familia Vieito. Un deses traballos que ademais de musicais son un compendio de memoria vital, visual e emocional. “E non hai máis presente, que foi da nosa xente’”

Pepe Cunha, 19-maio-2022

repertorio:

1. Amence por Logrosa
2. Herba seca nas Brañas
3. A Piscina
4. Notas do funeral de Ricardo Vieito
5. Inventario dos Conejitos
6. Probe meu cadelo
7. Axenda do Val de Barcala
8. Elexía por Carmen Fuentes
9. Fanfarria do entroido
10. O marco
11. Unha cantiga para o meu curmán
12. Anoitece por Zas

AXENDA

Facebook

2 hours ago

Ábrete de orellas
TANXUGUEIRAS e Fillas De Cassandra unidas en "Quen é a que canta?" ... See MoreSee Less
Ver en Facebook