nota:
A capital galega contará desde este ano cun novo festival, o HOLANOLA FEST, que celebrará a súa primeira edición do 20 ao 25 de setembro a iniciativa do Riquela Club.
Co obxectivo de xerar un lugar de de intercambio cultural entre artistas galegos, flamencos e de Nova Orleans, o festival reunirá dezasete propostas procedentes dos Estados Unidos, Galicia e o resto do Estado. A idea é que o espectador, pero tamén os músicos, teñan un lugar de encontro, atravesado por diferentes achegas culturais, construíndo durante uns días unha comunidade baseada no intercambio de saberes ao redor da música.
A referencia atmosférica do encontro é Nova Orleans, en tanto que cidade que deu orixe a un xénero musical como o jazz, pero que inspirou e alimentou outros moitos, desde sons máis locais ata outros universais como o rock’n’roll. Procedentes desa cidade no río Misisipi actuarán no HOLANOLA FEST o grupo de Kiki Cavazos con Pat Reedy Sundown Songs, o compositor, músico e produtor Duff Thompson coa súa mestura de pop, folk e garaxe rock, a cantautora Gina Leslie, o compositor e forza creativa detrás de Max and the Martians, Max Bien Khan, ou o músico de Nashville Noel McKay
O trío Caldo, Benjamín Vázquez e Sabela King co seu novo proxecto Mallou, Xiao, Cantigas e Agarimos, Carolina Vázquez, Tacón Gitano e Resaca Brothers poranlle acento galego a esta primeira edición na que tamén estarán quen fora cantaor de Paco de Lucía, Rubio de Pruna, e o guitarrista flamenco Keko Baldomero.
Ademais de no Riquela Club, esta edición inaugural desenvolverase noutros locais de Santiago de Compostela, como o Flamingo o Modus Vivendi ou o Fuco Lois. Haberá tamén unha sesión vermú na praza de Feixóo a cargo da agrupación compostelá Cantigas e Agarimos, e conversas en formato dúo, abertas ao público, conducidas polos xornalistas musicais Fernando Navarro e Jacovo Rivero.
Este xoves próximo poranse á venda os abonos a un prezo de 30€ e as entradas por día a 12€, máis gastos. Poderán adquirirse no punto de venda físico da Reixa Tenda, na rúa do Hórreo 46. As entradas restantes unha vez comece o festival estarán dispoñibles na taquilla do Riquela Club a un prezo de 15€ máis gastos.