históricos: Juan Pardo “Galicia miña nai dos dous mares”

Xullo 14, 2026

Cando eu era neno a música de Juan Pardo nas radios e na televisión era para maiores. Non molaba porque o asociabamos a eses cantantes melódicos polos que non tiñamos nada de simpatía. Eran os oitenta efervescentes en España, viamos La bola de cristal, un atendía á modernidade e a provocación, o rock radical vasco ou Siniestro Total e cousas mainstream pero potábeis. Porén, a avidez de descubrir facíame botar un ollo a vinilos e K7s nas casas que visitaba. E na da miña avoa estaba esta fita chea de música en galego, algo anecdótico no meu contexto castelanizado.

Máis cedo ou máis tarde, atrevinme a escoitar este álbum, pois xa sabía que Pardo estivera en Los Brincos e algo de respecto había que lle ter aínda que fose moi comercial e mesmo achegado ao PP de Fraga. Ou precisamente isto último aínda chamaba máis a atención, pois as letras combativas non casaban co discurso costumista do fraguismo e a telegaita ao seu servizo. Si, si, o mallorquín de Ferrol, ou o ferrolán nado en Palma, elixiu para musicar uns poemas moi reivindicativos: “A oliva nunha man, a fouce noutra, berremos alto e forte: A nosa terra é nosa!”

O disco comeza coa reivindicacuón da lingua propia e versos de Pondal: “A fala e falade galego”. Deseguido, sobre a emigración e a titular o disco, “Miña nai dos dous mares”, a única letra propia entre maioría de poemas de Ramón Cabanillas: “Irmán Daniel!!! … Na morte de Castelao”, “¡En pé” e e para min as xoias da colección: “A Rosalía Castro” e sobre todo “¡Probiña da tola!”. Tamén musica Antonio D. Olano en “Dinguillidan!!!… Nana pra un neno probe” e fecha co himno galego de Pascual Veiga tras recitar versos tan na nosa cerna como “miña nai, miña naiciña, coma miña nai ningunha …“. Malia que musicalmente amosa entrega na voz e un son moderno, cuns arranxos e coros daquela de primeiro nivel, entre o pop e o orquestral, o disco tardou mooooitos anos en ter reedición dixital. Se cadra pola súa incomodidade e, para non poucos, certo carácter excéntrico.

Aquí cómpre contextualizarmos o disco galego dun Juan Pardo que editaba con frecuencia e éxito tras Los Brincos, primeiro con Junior e despois xa en solitario e máis atrevido do que logo coñecimos. Oportunista, incontinente ou inspirado, mais o caso é que chegou a editar tres discos (un de reggage-calypso!) neste ano 1976, o seguinte á morte do ditador. Eran tempos de aperturismo, atrevemento, cancelas que se abrían, se desmandar, abrazar o anteriormente prohibido ou mal visto, como cantar en lingua galega. Porén, a isto non era alleo Pardo porque el teimaba en cantar a súa exitosa “La charanga” en galego e fora só uns anos antes o produtor de Andrés do Barro na súa época de números un. E como acontecera co tamén ferrolán, houbo polémica. Outros artistas do país vencellados a Voces Ceibes e o Movemento Popular da Canción Galega laiábanse de non ter esas facilidades, senón todo o contrario, para cantar en galego e dicir certas cousas.

Pepe Cunha, 14-xullo-2026