Nestes tempos, de chamar a atención e usar frases grandilocuentes con ese propósito, escoitamos abondo iso de que se tal disco “me voou a cabeza” ou “é imprescindíbel”. Pois se me preguntan por un álbum galego que provocou en min algo semellante sería o debut de Berrogüetto hai 30 anos. Abriume as orellas e atrévome a dicir que fomos moitas que sentimos iso, especialmente quen non eramos devotos da música etiquetada como “folk”. Este sexteto reinterpretaba desde a música de raíz cun xeito creativo, sorprendente, detallista pero sen resultar ampuloso, tan tradicional como moderno, cun recendo a jazz e multiculturalidade. E velos ao vivo era unha gozada. Xa parecían un supergrupo polo valor de cada músico, pero só acababan de debutar. Gañaron a crítica e viaxaron polo mundo adiante como a banda galega máis prestixiosa naquel auxe dos ritmos étnicos. Para moitos foi unha revolución, un sorpresón, unha banda referente e trascendental para mirarmos as músicas feitas no país con outra actitude.
Iso si, antes de falar da formación de Berrogüetto cómpre mencionar o proxecto vigués Matto Congrio, que editara un disco homónimo en 1993 tamén cheo de pezas instrumentais que esborrallaban os límites do folk ao se mesturar con estilos nados noutras latitudes. Alí estaban Pancho Álvarez, Diego Bouzón e Carlos Núñez, que logo formarían o proxecto deste último, e tres futuros Berrogüetto: Anxo Pintos (gaita, violín e saxo soprano), Isaac Palacín (batería e percusión) e Santiago Cribeiro (acordeón, piano e teclados). Completaron o sexteto deste primeiro disco Guillerme Fernández á guitarra acústica, Quico Comesaña no bouzuqui e harpa céltica e Paco Juncal ao violín, que sería reemprazado por Quim Farinha xa no seguinte álbum, “Viaxe por Urticaria”. Desde aquí, esta formación “instrumental” continuaría até o fin da banda, por onde pasarían tamén as voces de Guadi Galego e Xabier Díaz.
Ademais dos instrumentos mencionados disque soan varias ducias no disco, o que dá conta da meticulosidade, o compromiso e a autoesixencia que van no selo da banda, como o feito de todos os membros traballaren nos arranxos, sexan pezas de orixe tradicional ou composición propias. As deste disco están asinadas por Pintos agás a final “O mandil”, das miñas favoritas de sempre e composta por Comesaña. Nesta, e antes en “Rosendo en Sabaxáns”, “Anubía” e “Jota de Mórdomo /Danza de Gargamal”, colaboran as voces e pandeiretas de Cantigas e Agarimos, cantando marabillosamente unhas melodías recollidas por dúas das Leilía: Montse Rivera e Felisa Segade. E xa que estamos con persoas relevantes no disco, cómpre salientar a portada e o logo de Armando Lago e a contribución do cangués Fernando Luaces ás nosas músicas. No subselo Fol Música da súa distribuidora BOA e despois Altafonte publicáronse traballos dos Cempés, Na Lúa, Chouteira, Pancho Álvarez, Sondeseu, Guadi Galego, Uxía, Bonovo, Sondeseu, Magín Blanco …
“Navicularia” quedaría como exemplo de que anovar, sumar contrapuntos ou traballar harmonías complexas non significa perder frescura e accesibilidade e de que con coñecemento e sen prexuízos podemos viaxar coa tradición a onde a imaxinación nos leve.
Pepe Cunha, 10-xullo-2026


