Hilario Rodeiro Quinteto “Pausa”

Agosto 21, 2024

Este batería e compositor galego, residente en Andoian desde hai uns quince anos, conta cunha traxectoria extensa como colaborador canda Gordon Lee, Sabine Kühlich, Chris Kase, Bob Sands, Deborah Carter, participou da Pamplona Jazz Orquesta, R.S. Faktor, CiTriC, Los Wachisneis, ademais de crear música para espectáculos. Tras cinco álbums como líder e un longo proceso de maduración, producto de diversas experiencias anteriores e influído por Paul Motian, Bobo Stensen ou Paul Bley, presenta “Pausa”, un disco cheo de emoción, sutileza, sosego, na compaña de Juan de Diego (trompeta e fiscorno), Eneko Diéguez (saxo alto), Julen Izarra (saxo tenor e soprano) e Kike Arza (contrabaixo).

Como vemos, trátase dunha formación sen instrumentos harmónicos, feito acaído para esas pausas que sinala o título, os espazos baleiros, os silencios. Dez pezas (só unha ben breve: “…Con Mary”) de improvisación, jazz experimental ou sonoridades libres como a poesía. Varias apuntan xa desde o título en momentos dunha xornada, como a inicial “Pausa para mirar dentro dun”, a máis dinámica “Pausa para un paseo pola tarde”, “Si me tuvieras cariño / Pausa para mirar fóra” (única composición allea) ou “As miñas alboradas”, onde amosa elementos do folk galego, co que conecta tamén en “Escoitar”. Con “Perdoa”, “Atopeite”, “Para ti” ou “No espello” completan un feixe de influencias que poden ir desde o pop á música de cámara sen pecaren en excesos virtuosos.

Vaia por diante que non é un disco fácil, que, nunca mellor dito, demanda os seus momentos. Se é habitual invitar a deixármonos levar cando escoitamos jazz, neste caso o convite incide na observación do instante, en desconectar do ruído cotiá, da présa, da sucesión constante de estímulos. Sen dúbida, un “alegato á calma interior, ao silencio interno” e unha proposta para saírmos do habitual..

Pepe Cunha, 21-agosto-2024

www.hilariorodeiro.com

AXENDA

Facebook