Guadi Galego

Outubro 02, 2015

“Lúas de Outubro e Agosto”

Coñecemos a Guadi Galego por ter formado parte de Berrogüetto, Nordestin@s, Espido ou aCadaCanto, proxectos de factura máis que notable e vencellados en maior ou menor intensidade ao tradicional. No seu debut en solitario “Benzón” (2009), a de Cedeira entregaba cancións máis persoais pero non se alonxaba en demasía desa liña. Era un álbum que comezaba amosar máis estilos e presumía dunha vestimenta musical gorentosa, abondo nutrida de artistas galeg@s. Agora procurou un cambio notable que puxese luz sobre unha vertente de pop de autor, coa voz e as letras coma protagonistas auténticas. Probablemente, saír da Galiza para traballar cun músico e produtor como Pachi García Alis resultaba imprescindible para fuxir dunhas sonoridade e atmosfera na que acostumamos atopar demasiados nomes comúns.

Desde a apertura con “Mergullei” confírmase ese rumbo novo. O arrecendo á terra e o tradicional nas letras, en moitas melodías e no seu xeito de cantar, non desaparece, como confirma “Curso de un río”. Porén, o que si se abre de cheo é unha fiestra de ar novo sobre a idea máis estendida desta artista. Guadi é tamén unha cantautora pop, da música popular, no senso rico e amplo da definición. “Pernoctei”, “Aromas da terra” e sobre todo “Chea de vida” (composición adictiva do produtor de corte pop-folque tan ben recibido polo “público indie”) son probas de que este disco resulta un punto de confluencia ben acaído entre quen xa a coñece e unha audiencia nova. O primeiro público gozará doutras caras da Guadi e o neófito atopará unha autora feminina e galega de voz e textos cálidos, persoais, melancolicamente doces.

A instrumentación comedida, axeitada, sen sorprender nin distraer do texto e a voz, corre a cargo do produtor, aínda que non faltan achegas de músicos galegos como Pablo Pascual (clarinete) e Santi Cribeiro (acordeón). Tamén Karlos Abal, autor de “Norte do norte”, pon nesta e en “Pernoctei” a guitarra eléctrica. A outra composición que non é de Guadi, unha fermosa “O muro” de Kevi, pecha un disco que xa pagaría a pena só por sitúar a Guadi Galego nun terreo prácticamente ermo na canción en galego, Afortunadamente, é máis que iso porque contén momentos tan notables com os mencionados e o (xa) himno da muller galega “Matriarcas” (se esta denominación se mide pola aceptación da xente, neste caso na resposta nas redes sociais).

En vista do resultado, o golpe de temón foi unha decisión atinada e o resultado deixará con ganas de máis a quen goste moito e dalgún rexistro ou matiz máis para os ouvidos máis esixentes. Agora degustemos o álbum e os directos e agardemos que Guadi non espere outros cinco anos para entregar un novo traballo de seu, con valentía e cancións por diante.

A salientar tamén o deseño de Nébeda Piñeiro e a aposta de FolMúsica.

Pepe Cunha, 5-decembro-2014

AXENDA