Guadi Galego reivindícase máis viva que nunca en “Síntese horizonte”. Teatro Jofre de Ferrol.

Xaneiro 27, 2024

O último álbum de Guadi Galego editouse en decembro de 2022 e non tivera xira de presentación porque a cedeiresa deixaba Galiza en barbeito o ano seguinte. Ela é máis de coidar o seu público que de saturalo e decidiu que tocaba facer algunhas datas fóra, seguir a compoñer, colaborar con outras artistas e preparar o espectáculo de presentación das cancións de “Roibén” en teatros. Os festivais e as actuacións ao ar libre serán algo máis habitual e cun repertorio axeitado para audiencias grandes pero agora prestáballe algo especial, dirixido a un público máis atento, respectuoso e cómplice. Se as entradas esgotadas para as primeiras citas en Compostela e Ferrol falaban de expectación, as facianas do público ao saír do Jofre corroboraban o éxito. Acababamos de compartir algo semellante a unha fervenza de emocións dun día reflectida en músicas, letras, iluminación e posta en escea coidadísimas. Guadi, entregada e tamén emocionada, atópase todo o viva que indica “O.D.A”, a canción que significativamente fechou o serán.

Unha hora e media antes, “Epona”, “Alegoría” e “Noa” abrían e presentaban “Roibén” como os momentos máis íntimos e reflexivos dun día que comezaba acorde coa iluminación. Deseguido, un dos luxos da noite coa presenza de Pau Brugada desde Banyoles para interpretaren a dúo “Fortuna”. Tras ela, “Primavera”, “Bela” e a entrada de Xiana Lastra para acompañar en “Penélope”, outro momento fermoso e acrecentado aínda máis co detalle de que Guadi volveu tocar a gaita en público. Até aquí as pezas de “Roibén” con algúns arranxos novos e retoques, como acontecería ao longo do repertorio, e sen baixar o ritmo un chisco. Guadi xa non é a de antes, a que falaba non pouco entre cancións. As letras de “Matriarcas”, “Pícanme os ollos” ou “Fronteiras” -para a que puxo o pano palestino- hai tempo que falan por ela. Agora comparte a mención de cada compoñente do seu equipo, dá as grazas ao público e adecúase aos movementos dunha posta en escea aquelada con elegancia e naturalidade canda a Oficina doutros asuntos do movemento e as luces de Nononon Lab. O técnico e os músicos habituais (Manolo Dourado na mesa, Guillerme Fernández ás guitarras, Isaac Palacín á batería, Rubén Iglesias ao baixo e Álex Fernández nos teclados) ademais de ser de toda confianza incrementan o brillo musical e Paula Romero, Rocío Jiménez, Inés Salvado e Faia Diaz son cómplices ideais ás voces, os bailes e o momento máis tolo e desenfadado dun popurrí con “Amar a mares”, “Vas cara arriba”. Antes fóramonos soltando cun set máis “pop”: “Bóla de cristal”, “Velutinas”, “Creo”, “Mergullei” (outro luxo de dúo, agora coa Paula) e “Cedeira”.

Co avance na traxectoria xa se van botando en falla algunhas cancións e Guadi ben podería facer ano tras ano repertorio cos seus “éxitos”. Mais o que tira a fácil e previsíbel non vai con ela. Cada xira, ao igual que cada canción e álbum, supón unha reinvención, un reaxuste, unha ousadía. Se cadra non lle agradará que a cualifique de referente porque ela vai por libre, fai o que sente, o que lle peta dentro do posíbel e sempre acompañada de autoesixencia e traballo. Porén, por todo isto é unha referencia, un exemplo e inspiración para compañeiras de profesión e público. Algo que constata esta mini xira “Síntese horizonte”, unha marabilla que non debería limitarse a tres actuacións. Necesitamos esta dose poderosa de emoción e compromiso que Guadi Galego nos transmite desde as cancións, esa reivindicación da vida con todas as súas cousas, serias ou alegres, duras ou doces, sinxelas ou complexas.

Pepe Cunha, 1-febreiro-2024

 

 

AXENDA

Facebook