guadi galego “o mundo está parado”

Novembro 29, 2016

Probablemente o paso máis difícil ou sorprendente deuno con “Lúas de outubro e agosto”, rachando co seu debut “Benzón” e a impresión a el asociada. Mais ese arredarse do máis tradicional cara a un pop de autor debía ter unha consolidación, un afianzamento que no caso da cedeiresa non vai ser repetición, como amosa esta nova colección de cancións. Vai na mesma onda pero dálle unha volta na sofisticación e a esixencia para co seu público. Non son cancións inmediatas porque os textos invitan á pausa e á reflexión máis que a tararear un retrouso pero, por se fai falla lembralo, nin reflexivo quere dicir elitista nin intenso é sinónimo de lento.

O mundo pode parecer moi activo con tanta noticia e tecnoloxía ao noso arredor, pero as cousas tócannos durante pouco tempo. Non somos quen de atender, de priorizar, de analizar o importante da nosa condición de human@s e, coma consecuencia, paralizámonos e non actuamos. Por aquí entendo a idea do título e unhas cancións que reflexionan con máis repouso sobre a “Vida” e as persoas, desde o individual, en parella ou dentro dun colectivo. Neste caso teñen un compoñente analítico, unha crítica que non se achega nin un chisco ao panfletario, como proban os versos do inicio: “Os egos da revolución visten roupa cinguida, escalas en modo maior copan todos os shows” en “Cedeira” ou “Viaxan os emigrantes, pagan peaxes ata co sangue. O resto da situación xa se dilúe coa diversión” en “Tribu”. As dez cancións non van asinadas pola propia Guadi, senón que Carlos Abal achega tres (fantástica “Mente en branco” sobre o proceso de composición) e o produtor a única en castelán: a fermosa “El entorno”. As favoritas variarán co momento, pero ningunha desentona nun nivel lírico máis que notábel.

Para o son segue contando coa produción de Pachi García pero desta vez as programacións deixan o protagonismo aos instrumentos de verdade, aos ventos, ás cordas e as achegas dalgúns amigos na profesión. Entre estes, ademais do propio Pachi, Abe Rábade aplicando a súa brillantez en “O privilexio é soñar” e “El entorno”, Anxo Pintos na zanfona, Santi Cribeiro no acordeón, Uxía Cribeiro en “Canción para ver” e Carlos Abal nas guitarras e nunha parte gráfica tan coidada como o cancioneiro. Neste hai mostras dun pop épico, increscendo ao Coldplay ou Keane en Cedeira” ou “Vas cara arriba”, tamén baladas ao piano e medios tempos de corte máis clásico, sempre na procura do ritmo e o matiz na voz mellor acaídos aos textos para así completar cancións a partir de reflexións e sensacións. Existe o risco de que o lírico abafe o musical, como en “Canción para ver”, ben situada ao final.

Á pregunta de se “O mundo …” é mellor ou menos bo que “Lúas …” hai que dicir que presentan a mesma artista en diferentes momentos ou perspectivas. O que nos ocupa pode resultar menos inmediato pero máis agradecido tras a atención ou paciencia que demandan unhas letras que invitan a pensar. Aquel tiña o encanto do sinxelo no son, de menos ornamentación, pero en pleno momento de novidade e análise inclínome a dicir que aquí atopei cancións máis grandes, coma “O privilexio é soñar”, “Tribu”, “Mente en branco” … e polo menos unha que sería un éxito masivo nun país cunha escea aceptada e valorada: “Dende que marchaches”. Como acontece con cada proposta e esixencia, as cancións chegan moito, pouco ou nada; ás veces, sempre ou nunca. Xa que logo, o xusto é recomendar que cadaquén procure as súas, sen présas, nun álbum coidado e de tanta calidade en contido e continente coma este.

Pepe Cunha, 29-novembro-2016

AXENDA

Facebook

4 hours ago

Ábrete de orellas
novo vídeo dOs Bar Ban Sónicos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook