Contábame o seu amigo Xabier Díaz que cando queres fotografar Guadi nun momento concreto xa se está a mover a outra cousa. A súa achega musical non se alimenta da nostalxia ou o inmobilismo e así, disco a disco, segue a amosarse valente e mesurada, a xogar cun concepto amplo do pop e a canción de autoría que non atrapalla a entidade de cada canción. Na que abre e titula o álbum di que “… e así toda fartura escóase polas costuras”, e podemos entender que o que sobra, o que está de máis, queda fóra das cancións. Nunha sorte de concreción sofisticada, estas “Costuras” amosan moitas das arestas de Guadi e outra metáfora podería ser que responden a retallos, retrincos dela mesma. “Costuras” resulta outro atinado, nin mellor nin peor, suma-e-segue na súa traxectoria.
Ao longo dela expresouse co tradicional, o folk e o jazz, vestiuse de autora pop, diminuíu a presenza de instrumentos tradicionais e entregouse a unha sonoridade máis electrónica e atmosférica nun álbum-revisión que a consolidou totalmente: “Immersion”. De novo co equipo do Olivera Estudi crea un clima cohesionado e detallista que non está rifado coa sinxeleza. Porque poñer o foco no esencial nin significa simpleza nin que non haxa un feixe de detalles que apreciar, tanto no lírico como no sonoro. E permítaseme outra metáfora: o disco é como un menú deses cheos de sabores e sensacións que non saturan, que ofrecen o preciso para quedarmos con ganas de repetir; neste caso de volver escoitalas e ir apreciando as puntadas, os fíos. Sí, “Costuras” agrada de primeiras e brilla nas sucesivas escoitas.
A traxectoria e o pasado de Guadi non desapareceron totalmente. O que foi, pasou, xa está, pero nin se renega del nin se cobren os pousos que deixou. Aí está o arume do folklore en “Zocos”, a infancia en “Canción popular”, o pop-funky bailable dese dúo espléndido coa catalá Paula Grande en “O que ha chegar”, ese pop case épico da fantástica “Creo”… Sempre vitais, de lírica máis inspiradora e evocadora que explícita, predominan os medios tempos onde nos mexer con elegancia e certa contención (“Costuras”, “Velutinas”, “Cólico” …), e analizan o seu arredor desde o interior, contemplando e reflexionando, con ironía, positividade e esperanza. A sensibilidade musical e emocional van xuntas na artista, non as pode separar e se non recibísemos tantos sentimentos e emocións non terían sentido estas cancións, non serían de Guadi.
“Costuras” é un disco de pop redondo, de 10 cancións e pouco máis de 30 minutos, con retrousos ben marcados e dominado por unha electrónica que non cae no estándar, que propón sen estridencias. Soa a Guadi, mais tamén a traballo en equipo, neste caso en tándem coa súa parella Carlos Abal e os produtores Pau Bragada e Vic Moliner. E, como no pasado, non faltan nin as colaboracións (as poetas Antía Otero e Marina Oural, a mencionada Paula Grande e mesmo fillos e sobriño nos coros de “Só con amor”) nin o coidado na presentación física. Desta vez un bonito e orixinal digipack cunha obra do pintor Ricardo de Barreiro agochada baixo unha superficie gris que cada persoa descobre e personaliza ao riscala.
Pepe Cunha, 10-febreiro-2021
1.Costuras
2.Canción Popular
3.Velutinas
4.O Que Ha Chegar
5.Cólico
6.Liberdade Ambigua
7.Zocos
8.Creo
9.Mesta Néboa
10.Só con Amor