Mantendo o entendemento sonoro co produtor baezano Pachi García e coincidindo coa fin de xira de “O mundo está parado” (2016), a cantautora cedeiresa edita un mini-álbum que encaixa a modo de triloxía co mencionado e con “Lúas de outubro e agosto” (2014). Se “Luas …” representaba o mundo da ensoñación e “O mundo ..” o regreso á realidade, nesta “Bola de cristal” Guadi procura o futuro do mundo que desexa.
Trátase dun mundo de humanidade e positivismo onde “Coidar de min”, “Desdibuxar” e no que se atopar “Recoñecéndome”. Nesta última precisamente é onde gozamos da única e fermosa achega “orgánica” no instrumental: o acordeón de Santiago Cribeiro. O xiro valente e a evolución cara outras sonoridades máis “pop”, e mesmo chiscos á electrónica, están xa de sobra consolidados e aceptados. Estas cinco cancións resultan continuístas ou “apéndice” do último álbum, afondando máis nun pop con tinguiduras atmosféricas, sosegadas ou intimistas.
“Fronteiras”, adianto do traballo e peza que abre, é a favorita dun servidor, pero as escoitas sosegadas e atentas amosan que as demais tampouco desmerecen un chisco no repertorio dunha compositora e intérprete que conxuga con elegancia personalidade, emoción e lirismo. E as fotos e o deseño de Carlos Abal xustifican a edición física fronte a dixital.
Pepe Cunha, 8 -xulño-2018