nota:
Guadi Galego volve este venres a Carballo para presentar o disco ‘Lúas de outubro e agosto’
A cantante interpretará os temas do seu segundo álbum en solitario, do que vendeu máis de 3.000 copias dende o seu lanzamento a finais de 2014, na Praza do Concello ás 22:00 horas.
Guadi Galego regresa de novo a Carballo, da man da distribuidora Culturactiva SCG, para presentar o seu último proxecto en solitario: Lúas de outubro e agosto, do que leva vendidas máis de 3.000 copias dende o seu lanzamento a finais de 2014. A cantante subirá ao escenario ás 22:00 horas na Praza do Concello na compaña da guitarra de Guillerme Fernández, o baixo de Paco Charlín e a batería de Isaac Palacín. En caso de choiva, o concerto será no Pazo da Cultura.
Guadi Galego vén de ofrecer durante o mes de agosto unha exitosa xira de concertos e en setembro continuará levando o seu último traballo a diferentes puntos da xeografía galega. Un novo traballo discográfico que presenta un son e unha expresión artística máis madura e, ao tempo, máis atrevida, que recolle fermosas cancións cunha serie de nexos en común: a natureza das composicións, a esencia do vivido e madurado, a emoción e a intensidade, a delicadeza e o risco. Todo un exercicio de inspiración para encontrar vías non exploradas, como o pop, e propoñer unha música chea de sinceridade que sen dúbida sorprende a todo o público.
Unha das voces máis celebradas e recoñecidas do panorama musical galego, Guadi Galego, leva toda unha vida enriba dos escenarios, levando o seu talento a diversos proxectos. Cantante, compositora e gaiteira, foi –ate 2008– a vocalista do xa desaparecido Berrogüetto. Tamén formou parte dos proxectos Nordestin@s con Abe Rábade e Ugía Pedreira. Con Guillerme Fernández lanzou o disco Espido e, xunto a Fernández, embarcouse noutra aventura musical, aCadaCanto, á que se sumaron Xabier Díaz e Xosé Lois Romero. Ten publicado un disco en solitario, Benzón, no que explorou diversos camiños dentro do folk revisando melodías tradicionais.
Lúas de outubro e agosto conta coa produción musical de Pachi Alis, o mago que soubo entender a Guadi e conseguir un resultado sofisticado e sorprendente. A banda compóñena unha formación de luxo: Guillerme Fernández, Paco Charlín e Isaac Palacín.