Guadi Galego

Maio 07, 2016

nota:

A cantante Guadi Galego, galardoada a semana pasada co Premio Martín Códax da Música na categoría de Canción de Autor, e despois de encher o Teatro Principal de Compostela, continúa a súa xira de primavera coa distribuidora Culturactiva SCG. Desta volta leva os temas do seu segundo disco, Lúas de outubro e agosto (Fol Música, 2014), ao Teatro Principal de Pontevedra, o sábado 7 de maio ás 21 horas. As entradas poden obterse
anticipadas, a 10 euros máis gastos en entradas.abanca.com, ou no despacho de billetes do Teatro Principal de 20 a 21 horas o propio día do concerto a 12, de non esgotárense. A artista actuará cos seus músicos habituais: Guillerme Fernández á guitarra, o baixo de Paco Charlín e Isaac Palacín na batería.
Ademais, acompáñana nesta xira cinco mulleres importantes na súa vida que colaboraron tamén cos coros no disco, e contará coa voz de Lola
de Ribeira, que ten cantado xunta os Diplomáticos de Monte Alto. Xa o 14 de maio estará no Centro Ágora da Coruña, no marco do ciclo AgoraSons.
A cantante, voz inconfundible da mítica e xa desaparecida banda Berrogüetto, iniciou a súa carreira en solitario en 2009 co disco Benzón. A finais do 2014 publicou Lúas de Outubro e Agosto, álbum que se converteu no grande éxito da música galega daquel ano ao vender máis de 3.000 copias en pouco máis de mes e medio dende o seu lanzamento. A cifra -xunto ao número de visionados do seu videoclip Matriarcas, demostra o interese que suscita o traballo musical da cantante que, nesta ocasión, preséntalle ao seu público unha versión máis pop de si mesma. Un pop que a propia Guadi define como “pop de autora sofisticado e con arrecendo a música popular”. Esa conxunción de tradición e modernidade mestúrase coa enorme sensibilidade que destila Lúas de outubro e agosto, un disco sobre emocións e sentimentos, dunha compositora que amosa rotundamente a súa madurez como autora.

Trátase dun traballo que contén fermosas cancións cun nexo común, a natureza das composicións, a esencia do vivido e madurado, a emoción e a intensidade, a delicadeza e o risco. Todo un exercicio de inspiración para encontrar vías non exploradas e propoñer unha música chea de sinceridade que sen dúbida está a callar no público.
A cantante, unha das artistas máis relevantes da escena musical de Galicia, presenta Lúas de outubro e agosto o seu segundo traballo como solista tras o álbum Benzón, que se publicou en 2009. A traxectoria musical de Guadi Galego é moi intensa e rica, foi voz principal e gaiteira do grupo Berrogüetto, mais tamén formou parte como intérprete e compositora de interesantes proxectos colectivos: Nordestinas, Espido e aCadaCanto.
O disco gravouse en xuño de 2014 nos estudos Alis Records de Baeza coa produción musical a cargo de Pachi Alis, quen soubo entender a Guadi e acadar un resultado sofisticado e sorprendente. Conta coas colaboracións de Santi Cribeiro ao acordeón e Pablo Pascual tocando o clarinete. O disco presentouse nun orixinal digipack de edición limitada con faixa troquelada e libreto de 16 páxinas.

AXENDA

Facebook

7 hours ago

Ábrete de orellas
TANXUGUEIRAS e Fillas De Cassandra unidas en "Quen é a que canta?" ... See MoreSee Less
Ver en Facebook
21:00 h.
Teatro Principal, Pontevedra.
10 / 12 €