Guadi Galego

Xuño 21, 2015

con Santi Cribeiro (acordeón) e Pablo Pascual (clarinetes)

nota:

Guadi Galego actúa este domingo en Cambados para presentar o seu novo disco “Lúas de outubro e agosto”

A cantante interpretará os temas do seu segundo álbum en solitario, do que vendeu máis de 3.000 copias dende o seu lanzamento a finais de 2014, no Auditorio da Xuventude ás 20.30 horas.
O concerto enmárcase dentro do programa Cultura no Camiño e con el conmémorase o Día Internacional da Música.

A cantante Guadi Galego actúa esta semana, da man da distribuidora Culturactiva SCG, en Cambados para presentar o seu novo disco Lúas de outubro e agosto (Fol Música, 2014) tras a exitosa xira coa que durante a primavera percorreu diferentes vilas galegas. Guadi Galego chegará ao Auditorio da Xuventude ás 20.30 horas este domingo cun concerto que se enmarca no programa Cultura no Camiño e que ademais servirá para conmemorar o Día Internacional da Música, que se celebra en todo o mundo o 21 de xuño. A entrada é gratuita ata completar aforo, previa retirada dunha invitación no Concello. A cantante subirá o escenario na compaña da guitarra de Guillerme Fernández, o baixo de Paco Charlín e a batería de Isaac Palacín. Guadi Galego vén de gravar recentemente, ademais, un concerto na televisión pública en Los Conciertos de Radio 3.
A cantante, vocalista orixinal da mítica e xa desaparecida banda Berrogüetto, iniciou a súa carreira en solitario en 2009 co disco Benzón. A finais do ano pasado publicou Lúas de Outubro e Agosto, álbum que se converteu no gran éxito da música galega de 2014 ao vender máis de 3.000 copias en pouco máis de mes e medio dende o seu lanzamento. A cifra -xunto ao número de visionados do seu videoclip Matriarcas, que xa superou as 95.000 visitas na rede- demostra o interese que suscita o traballo musical da cantante que, nesta ocasión, preséntalle ao seu público unha versión máis pop de si mesma. Un pop que a propia Guadi define como “pop de autora sofisticado e con arrecendo a música popular”.
Guadi Galego lanzou á venda a finais de 2014 o seu segundo disco Lúas de Outubro e Agosto. Trátase dun traballo que contén fermosas cancións cun nexo común, a natureza das composicións, a esencia do vivido e madurado, a emoción e a intensidade, a delicadeza e o risco. Todo un exercicio de inspiración para encontrar vías non exploradas e propoñer unha música chea de sinceridade que sen dúbida está a callar no público. 
A cantante, unha das artistas máis relevantes da escena musical de Galicia, presenta Lúas de outubro e agosto o seu segundo traballo como solista tras o álbum Benzón, que se publicou en 2009. A traxectoria musical de Guadi Galego é moi intensa e rica, foi voz principal e gaiteira do grupo Berrogüetto, mais tamén formou parte como intérprete e compositora de interesantes proxectos colectivos: Nordestinas, Espido e aCadaCanto.

AXENDA

Facebook