Grey City Funk “Welcome to Grey City Funk”

Decembro 27, 2025

Se Ferrol é unha cidade gris (grey city) non é este o lugar onde discutilo, pero si o de amosar que ten funk. Grey City Funk son un cuarteto herdeiro de FU.FU. (Fucking Funky) pois alí estiveran tres dos seus membros: Endorfino á guitarra, Johnny Fingers nos teclados e Beny B. no baixo. Coa incorporación do batería José Ares na gravación preséntanse con oito pezas propias e instrumentais nas que o seu estilo funk tínguese de soul, jazz ou progresivo. O deseño do disco, asinado por Laura Bouza, apunta sen enganar o toque ferrolán (a Ponte das Pías e os estaleiros) e un son retro, oitenteiro … para ben.

O principio con “Soul Out” é dos que invita a seguirmos expectantes o que virá porque, malia ser un tema claramente estruturado, apunta a cerna de improvisación que caracterizará o disco. “Supernova” ou “Amazing Time” son exemplos de pezas que poderiamos pensar que nos van levar á nostalxia e o easy listening, polo son pulcro da guitarra e a reivindicación daqueles teclados analóxicos a cabalo entre os 70 os 80. Porén, os xogos da base rítmica, a riqueza de melodías e harmonizacións, os solos de guitarra e teclado ou os cambios froitos da improvisación manteñen o interese e van facendo da escoita un gozo, aínda que só fose polas sorpresas e o colorismo. A pegadiza “Feel the Vibe” fai unha chiscadela a “El manisero”, “Keep on Moving” é das que máis riqueza rítmica agasalla, “The Shark Dinner” coquetea co reggae e “Jet Stream” déixanos cun final un chisco máis escuro, tirando a rock progresivo ou psicodélico.

“Welcome to Grey City Funk” é un traballo cuxo coidado e maceración -nos RRStudios (Ferrol)- non é sinónimo de frialdade ou complicación para o ouvinte “menos académico”. Todo o contrario, transmite enerxía, calidez, luminosidade e un positivismo que o farían encaixar en calquera público que se deixe levar polo seu groove. Unha mágoa que a programación non estea máis en mans de quen prefiren alimentar un público curioso e diverso que nas de quen atenden ás cifras altas de seguidores e campañas de mercadotecnia. E intúo os Grey City Funk máis interesados en gozar tocando xuntos (como se fose pouco!) que en moverse para conseguir unha repercusión que, escoitada a súa proposta, merecerían abondo.

Pepe Cunha, 27-decembro-2025

escóitaos no seu bandcamp 

instagram

facebook

AXENDA

Facebook