Greasy Belly “Suck the Belly In”

Decembro 07, 2023

Unha formación habitual de dúas guitarras, baixo e batería e unha clara querencia polo rock norteamericano. Así de claro queda o que presenta esta banda coruñesa no seu disco de debut, lonxe de maiores pretensións que entregaren cancións coas que divertir e divertirse ao vivo. Chamémola vintage ou atemporal, a gusto da ouvinte, esta proposta móvese con honestidade nese mundo sonoro onde conflúen rock and roll, blues, rock sureño e country principalmente. Para ben ou para mal, tamén segundo a receptora, non procuremos aquí sorpresas, experimentacións ou ínfulas de orixinalidade.

Van onde apuntan, como o deseño artístico a cargo de Nor Prego que casa co ar tirando a sucio dunha produción acorde cun son directo, sen artificios, cunha voz que canta algo lixosa e nos fala tanto de persoas foraxidas como de xente corrente, de noites de cervexas e bourbon, de (des)amor, de amizade, bailar música country, escoitar cancións honky tonk ou espertar con resaca (“Last Night”). Si, loxicamente atopamos abondos tópicos e lugares comúns dirixidos ao albo da súa proposta, pero en xeral trátase dun exercicio de estilo máis que meritorio.

Porén, hai varios momentos que ben poden chegar alén do seu público obxectivo, como “Bleak Claudine”, un medio tempo extenso ao Black Crowes no que colabora na voz Carla Green, un dúo ao Pogues con Kirsty MacColl (“Fairytale of NY”) coa voz de Leticia Rey que titulan “Sad Song for Christmas”, as achegas aos teclados de Esteban Zapata nas mencionadas e “I Can’t Love You Anymore” ou o toque tex-mex de “Tell Hag” … Gravado nos Estudios La Cortina Roja da Coruña e masterizado por  Justin Perkins (Rufus Wainright, Shania Twain, Donna Summer) en Estados Unidos, inclue como bóla extra a súa canción de presentación de 2021 “Banalino” e unha edición limitada en vinilo vermello.

Pepe Cunha, 7-decembro-2023

pódese escoitar no seu bandcamp

repertorio

1. Candy, Jim & Uncle Red
2.The Amazing Story Of Johnny Montana
3.I Can’t Love You Anymore
4.Don’t Call Me A Friend (Just Call Me Amigo)
5. Sad Song for Christmas
6.Nameless Belle
7.Tell Hag
8.Rock ‘N’ Rolled Me
9.Bleak Claudine
10. Last Night

bonus track:

Banalino

AXENDA

Facebook