Hai case dous anos falabamos do debut “Suck the Belly In” desta banda coruñesa que agora vén consolidar a súa proposta con dez novas cancións. O seu é moverse polos rock and roll, rock sureño, country ou blues sen pretender soar modernos, senón clásicos, dirixíndose máis a fans destes estilos. Aquí hai abondo de pose/actitude e non se pretende agradar ou sorprender máis aló, aínda que unha escoita un chisco atenta ao disco pode ter algún que outro premio ao tempo dedicado.
Porque se ben estamos ante un álbum continuísta (repiten coproductor, masterizador e selo), pensado para defender e suar as cancións ao vivo, na gravación achegan un plus de distinción. Á base rítmica potente, os riffs de guitarra e esa voz que nos conta historias entre as tripas e o corazón, unen o brillo dos teclados de Diego Rois e Juan de Dios Martín, en cadansúas cinco cancións. Tampouco faltan os detalles nas colaboracións nos coros, harmónica e guitarras que coinciden nas pezas cun resultado máis atractivo.
Refírome a cortes máis contidos ou medios tempos como “Galician Rain”, cos coros de Leticia Rey e Inés Naya, que tamén canta na máis rabiosa “Walls”. JC Nogueira pon a guitarra solista na melancólica “Starts Again” onde participan tamén a harmónica e voz de Ton Eirín. Se a estas cancións sumamos a bailábel “Dancin’ In A Silent Town”, xa teño as miñas preferidas. E logo están a historia de “The Grey Gambler” e eses cortes roqueiros e de riffs tan marcados como “Rock and Roll Fools”, “Redneggs” ou o single “Let it Pass”. Como sempre, o de emocionarse máis ou menos xa vai por gustos, pero Greasy Belly no seu deberían facerse un sitio. Outra cousa é diferenciarse e chegar a máis.
Pepe Cunha 26-novembro-2025


