Grampoder regresan para a presentación do libro “Bestiario do vestiario” de Martiño Suárez

Decembro 12, 2016

nota.

MARTIÑO SUÁREZ PRESENTA O LIBRO ‘BESTIARIO DO VESTIARIO’ O VENRES 16 NA TREK BICYCLE STORE DE SANTIAGO

O grupo Grampoder xuntarase para a ocasión e interpretará un miniconcerto con cancións dedicadas ao deporte

O libro, editado por Carlos Meixide, sae á rúa despois de lograr o apoio de preto de 150 persoas a través do financiamento colectivo (crowdfunding)

Martiño Suárez presenta o próximo venres en Compostela Bestiario do vestiario, un libro no que recolle 50 relatos sobre atletas extraños e historias relacionadas co deporte. A presentación levarase a cabo na tenda compostelá de Trek Bicycle Store (Restollal, 63) o venres 16 ás 20.00 horas, e nela actuará o grupo santiagués Grampoder.

Bestiario do vestiario xunta un zoolóxico de deportistas desviados en cincuenta historias nas marxes do heroísmo habitual do xénero, regadas con sangue, alcohol, épica e humor. O libro, editado polo selo Dinastía Meiji, de Carlos Meixide, sae á rúa despois de completar unha campaña de finaciamento colectivo ou crowdfunding que foi apoiada por preto de 150 mecenas.

Pioneiras incomprendidas, goleadores borrachos, nazis, ciclistas drogados, hooligans’bizantinos, campións negros, perdedores exemplares, rastafaris, filósofos gregos, santos, espías da RDA, Elvis e Bob Marley… Os textos do Bestiario do vestiario (agás tres escritos para a ocasión) foron publicados orixinalmente na revista dixital DIOIVO e tiveron unha excelente acollida por parte dos lectores.

Para a presentación xuntarase, por primeira vez en case dous anos, o grupo Grampoder, que interpretará un miniconcerto composto por cancións dedicadas ao deporte, propias e alleas. Formada por Le Roi e polo propio autor do Bestiario do vestiario, Grampoder editou na súa traxectoria o disco longo Golf Whiskey e o EP Tigerland, percorrendo durante tres anos os escenarios de Galicia.

Facebook