Grampoder “P.M.”

Agosto 10, 2023

Desde a xira do anterior álbum “Golf Whiskey” (2013) e o single “Tigerland” (2015) non tiñamos un traballo de estudio do dúo Grampoder. A súa banda anterior (The Homens sempre!) tivo un aceno de regreso que non foi máis aló pero que talvez influíu na continuidade dun proxecto que vai ao seu ritmo vital, á marxe do que chamamos habitual: compoñer, gravar, tocar. O que teño claro é que as letras de Martin Wu son un pequeno luxo na nosa non-escena e o traballo sonoro que fai canda Le Roi neste formato merece atención de seu. Por iso, aínda que tarde, recupero este disco editado en marzo de 2022.

Se pensamos nunha listaxe de dúos (The White Stripes, The Black Keys, Bala, Calavento, Niña Coyote eta Chico Tornado … ) aquí cómpre reivindicar o de Le Roi en pé coa súa semi-batería e Martño a espremer con gusto a súa guitarra Rickenbacker. O seu “rock portábel” amósase agora máis eléctrico e enérxico, equilibra rabia e contención, ás veces cun toque de psicodelia e outras cun verniz de escuridade que lembra o post-punk dos primeiros 80. Porén, van as cancións por riba de todo pois coidan retrousos, melodías riffs, coros … até chegar ao bombardeo final (“P.M.”) de ar krautrock, con Martiño a enumerar medos, teimas, frustracións, descaugos, carraxes e outras situacións varias do noso día a día e cuns ventos moi ben acaidos de Tomás Cheda.

Grampoder son donos do seu ritmo, controlan todo o proceso e o que arriscan, nótase que non gravan até que consideran que teñen unha colección de cancións que merece ser compartida. Desgraciadamente, este carácter en certo modo guadianesco agocha a súa valía no underground galego. O de Grampoder si é independencia, Martño un dos letristas-analistas salientábeis do noso pop e as edicións deseñadas por Le Roi sempre un acerto. Todo isto corrobórao un “P.M.” cheo de cancións que enganchan e que se refiren a “todo o que ocorre a partir da metade da xornada, cando comeza a facerse de noite e a inercia do día se fai cada vez máis dificil de corrixir.

Pepe Cunha, 11-agosto-2023

escóitao no seu bandcamp

repertorio

Nacer, servir, morrer

Non me esquenzas

O estanque

Sísifos de tres perras

Hienas

Querer poder

Xa

Ata o infinito

Horizonte

PM

grampoder “golf whiskey”

AXENDA