Afortunadamente non tivemos que agardar moito para un novo traballo do proxecto dos ex-The Homens Le Roi e Martin Wu. Se do debut “Golf Whiskey” (2013) a “P.M.” (2022) pasaron case dez anos, o seguinte chanzo dérono neste 2024 e mantén o nivel acadado, máis que notábel. O formato mínimo de guitarra eléctrica distorcida e batería marcada segue a dar bos frutos a base de intensidade, ruído rabioso, ritmos marcados, melodías pop e ese saibo das letras de Martiño. Din que “facer cancións é o noso amuleto contra todo o malo” e este “Amuleto” é unha remesa de nove composicións propias e o agasallo final dunha sorprendente “Sueño con serpientes” de Silvio Rodríguez.
Esta nova colección continúa a liña de “P.M.”. Afonda nun rock escuro de influencias varias de comezos dos 80, cos post-punk, slowcore, post-rock … e a escuridade agroma tamén desas letras feitas por quen supera a corentena e fala logo do paso do tempo, con amargura, carraxe, tedio, cinismo e escepticismo tras as derrotas, promesas e soños que niso quedaron: “Vas ter que explicarme ben o que vén despois, porque eu non entendo ben o que vén despois. É só escuridade e nada o que hai despois?” (“Despois”) ou “Son os ciclos da vida, o ciclo dos cartos, o circo do capital, que vén e que vai e haise que conformar” (“Atende ben”). En contrapeso con eses tempos medios e densos (“4AM: penso en ti”, “A balada do raposo e o pombo” ou a versión mencionada que levan a este terreo sonoro, tamén atopamos un bo feixe de pezas máis guitarreiras e cara ao punk como “Sombras calvas” (“Xeración que morre cedo. Xeración de zombis preñada de medo. Por que teñen que ser sombras calvas de si?”) e “Regras para radicais” (“Radical: o poder non é o que tes, é o que mostras. Ri máis. Fai que morran de vergoña. A mellor táctica é bailar”), a máis rocanroleira ao Bo Didley “O demo vén a verte” e sobre todo a que titula o disco: “Amuleto”. Estas dúas coas únicas e ben acaidas achegas de Tomás Cheda ao saxo.
Gravaron coa complicidade de Jacobo Iglesias e Adrián Longart nos Estudios Potemkin para seguir indo ao seu, coa liberdade de quen sempre o fixo, coa teima de facer as mellores cancións que lles saen. Si, son desa escola, da de “artificios os xustos” e préstame repetir uns comentarios sobre o disco anterior: “O de Grampoder si é independencia, Martño un dos letristas-analistas salientábeis do noso pop e as edicións deseñadas por Le Roi sempre un acerto.” “Amuleto” está dispoñíbel nas principais plataformas dixitais e as copias físicas do traballo poden encargarse en vinilo de 180g escribindo ao mail grampoder@gmail.com.
Pepe Cunha, 12-setembro-2024
repertorio
1. Amuleto
2. O demo vén verte
3. Despois
4. Regras para radicais
5. 4AM: penso en ti
6. Fantasmas
7. Sombras calvas
8. A balada do raposo e do pombo
9. Atende ben
10. Sueño con serpientes