Grampoder

Outubro 28, 2014

Diferente non ten por que ir unido a difícil. Ratificámolo unha vez máis tras escoitar estas cancións, primeiro ao vivo e agora rexistradas con fidelidade. Son tempos fodidos económicamente para mover unha banda de rock e neste contexto aparece o dúo Grampoder. Non son descoñecidos, pois o seu pasado musical máis recente úneos a The Homens, banda tivo que aparcar a súa traxectoria tras deixaren dous estupendos discos de pop-rock (“3” e “Cuarta potencia”). Dous Homens, Martin Wu e LeRoi, decidiron non parar de facer e compartir cancións, mais desta vez cunha estrutura minimalista que deducimos herdada dunha xira acústica da ex-banda.

Eles mesmos anticípanse á etiquetaxe propoñendo denominacións: rock acústico, folk campestre, folk rock, hardcore comeflores, punk psicodélico acústico, rock portátil … e todas teñen sentido. O miolo aquí é que para facturar as cancións espremen as posibilidades dunha guitarra acústica, minibatería, baixo e outros instrumentos básicos, algúns de xoguete. No musical achéganse a calquera estilo se a canción funciona e pode ser defendida con todo o material físico nun coche e un recinto pequeno. É todo un reto que dese esquelete (melodía, coros e instrumentación mínima) saia algo máis que unha maqueta ou demo, que a canción goce dun acabado auténtico. Afortunadamente, Grampoder saen vitoriosos neste traballo artesán e cálido. E empregando apenas o recurso das programacións.

Lonxe de caer no panfletario e cunha mestura de retranca e lucidez, remiten á realidade que padecemos: os “Porcos” que nos rodean, a esencia do “Capitalismo”, a impotencia de que ante as inxustizas outros beban “Champagne”, a decepción e a raiba por estar “farto de xogar a militante de ilusión” (“Penalti e expulsion”), a alerta de que “se cres sen máis verás porcos voar”, certa desconfianza ante as alternativas (“Helsinki”), ironía (“Inocente”) … Tamén hai lugar para máis intimismo ou introspección en “Tormenta polar”, “O imperio do mal” e o gusto polas historias de ciclistas de Martin Wu (“Robert Millar”). E se a letra abusa da repetición (“un ladrón que rouba a ladrón”) ou se reduce a unha frase (“Grandes esperanzas ao botar a andar, pero a longa marcha era hacia atrás”), pois tamén vale. De valentía.

Son tempos de amargura, pero tamén de explotar as ideas, sermos atrevidos e apostar sen medo pola diferenciación, a orixinalidade e tamén unha practicidade coidada antes que tirar a toalla. Aquí temos parte do que nos alimenta: letras e melodías que quedan gravadas, aínda que os ingredientes sonoros semellen escasos. En Grampoder, menos é moito.

Pepe Cunha, 28-novembro-2013

Gravado nos estudios A Ponte con Tomás Ajeitos e distribuído por Discos da máquina (Das Kapital, Ataque Escampe, A Magnifique Bande, Caxade …)

AXENDA

Facebook

3 hours ago

Ábrete de orellas
TANXUGUEIRAS e Fillas De Cassandra unidas en "Quen é a que canta?" ... See MoreSee Less
Ver en Facebook
22:00 h.
Pub A Reixa,Santiago de Compostela.
De balde.