Gozar da música e a natureza en familia. Festival de la Luz, Boimorto. 14-15 de setembro de 2013

Setembro 18, 2013

Atmosfera familiar, convivencia co rural, entradas a prezos populares con fins solidarios e un cartel musical variado. Estes son os piares sobre os que se presenta un Festival de la Luz que esgotou o aforo dispoñible para a segunda edición. Vista a gran extensión de espazo habilitado, tería cabido algún millar de persoas máis pero a organización antepón a comodidade para crianzas, adolescentes, adultos e vellos. Entre os máis de oito mil asistentes por xornada había de todo e atrévome a dicir que boa parte dese público é pouco habitual nas citas festivaleiras. A oportunidade de escoitar por un bono de 15 € a Fito y Fitipaldis (na súa última visita á Coruña custaban uns 40 € a entrada!), Rosendo, Miguel Campello (ex El Bicho), Dover, Budiño ou Carlos Núñez resulta realmente atractiva, e moito máis lle cunden os cartos a quen (re)descubren na sucesión xenerosa de concertos artistas tan interesantes como La Negra, Silvia Pérez Cruz, Sés, Narf, Jerry González, Francis White … Eis un dos aspectos máis positivos desta cita: o público atraído polas “cabezas de cartel” ten a oportunidade de descubrir artistas (do país e doutras latitudes) que nin de lonxe teñen nos medios a difusión que merecerían.

Dentro dun festival musicalmente ecléctico (quen non estea interesado no cartel falará de “batiburrillo”), gozamos de momentos de grande intensidade como un Rosendo incombustíbel e infalíbel acompañado no himno “Maneras de vivir” por Luz Casal ou a estrea ao vivo de “Hoxe canto en libertá”, ese poema de Celso Emilio Ferreiro que Luis Tosar canta no recomendábel último disco de Xosé Manuel Budiño. O de Moaña ofreceu unha das mellores actuacións do festival e contou coa colaboración do seu compañeiro no espectáculo iLalelo Carlos Blanco. Para gardar na memoria tamén a comuñón co público de dúas vocalistas de personalidades ben diferentes pero igual de rebordantes en talento. Hai pouco Silvia Perez Cruz e La Negra visitárannos con menos repercusión de público e se tiñamos dúbidas de que a súa calor en salas e teatros podería perderse ao aire libre, a resposta do público disipounas. Simplemente encantaron.

Á galega Sés tivemos moitas máis oportunidades de vela, pero ben que aproveitou o cheo de público previo a Fito para seguir sumando afección á súa proposta contundente en galego e feminina. A diferenza dela ou Francis White (outro dos concertos de calidade no escenario pequeno), a banda galega de rock “noventeiro” Holywater ofreceu o seu concerto en acústico e saiu airosa desta estrea. A calidade jazzística púxoa Jerry González acompañado de músicos tan sobresaíntes coma Javier Colina ao contrabaixo. Dover quitáronse a espiña da cancelación do ano pasado polo temporal cun concerto previsíbel (repaso do “Devil Came to Me”); Carlos Núñez reivindicou as 3agrupacións de música tradicional invitando ao palco unha boa representación das da contorna e abusou da compracencia con “A Rianxeira”. The Christians achegaron a nostalxia de finais dos 80, cando as radiofórmulas conservaban algo de decencia con cancións coma “Words” ou “What”s in a Word”. Fito, principal reclamo do festival, veu coa súa xira de teatros e auditorios, acompañado de musicazos cos que revisitar as súas propias cancións e versións. Obviamente, algunhas son recibidas mellor ca outras, pero o concerto non foi o “animado” que o seu público esperaba. En contraste, a noite anterior o seu mestre nisto do rock urbano Rosendo non fixo experimentos, nin sorprendeu nin defraudou, e soou impecable.

No aspecto non musical, máis relevante aínda nunha cita que aposta por valores como a sostenibilidade, a solidariedade ou a posta en valor do rural, cómpre salientar o espazo ben escollido (unha pequena ladeira que permite boa visibilidade dos escenarios), a colaboración da xente da vila, o voluntariado e o amplo espazo habilitado para aparcamento e espallamento, para descanso e paseo. Mágoa de máis sombras para cando o sol pega, como desta vez na xornada dominical.

A oferta de postos de apoio e divulgación do produto rural, os obradoiros para crianzas, as hortas e granxa son propostas a celebrar, aínda que no tema da coherencia medioambiental e a calidade de vida deseguido atopamos incongruencias ou debilidades. A máis inmediata para un servidor ten que ver co feito de que a cadea de supermercados patrocinadora pertence ao grupo empresarial que tamén aposta por atentados medioambientais e de dubidoso proceder como a planta de gas na Ría de Ferrol. Que as campañas de imaxe non tapen unha realidade máis complexa e interesada que idílica !

Como podemos falar de éxito, esperamos a continuidade desta liña musical para 2014. Propostas a reivindicar ou por coñecer, hai moitas; cabezas de cartel a cabalo entre a popularidade e a calidade, non tantas. Que tal traeren canda a casa natal de Luz Casal a Juan Perro, Kiko Veneno, Ariel Rot, Amaral, Quique González, Xoel López …?

Pepe Cunha 18-setembro-2013

AXENDA