Por moi saboroso que estea un prato, o seu consumo continuado pode chegar a cansar e necesitamos de acompañalo dalgunha novidade que incremente ou reavive o noso interese. Algo así acontece cunha das bandas referentes do folk galego desde o seu debut “Navicularia” hai xa 15 anos. A súa proposta musical só defrauda se agardamos algo máis (como se fose pouco!) que unha impecable interpretación e un repertorio escollido das moitas boas pezas espalladas polos seus álbumes. Como xa queirmaron a nave do disco en directo e a biografía, propoñen agora unha xira de teatros en pequeno formato, unha “xira de andar por casa”. Asemade, toca reinventarse, que atrás quedaron as vacas gordas dos concertos subvencionados polas caixas e deputación. Eles atinadamente van ao cómodo e poñen a bata para tocar de salón. Un acerto, pois contaxian o público desa proximidade e familiaridade que xa existe para co seu repertorio.
O inicio desta xira de “Andar por casa” tivo lugar nun Teatro Colón da Coruña, cunha boa resposta de público para datas complicadas. A banda agradeceuno, porque agora tamén lle toca ao público responder e pagar as entradas para que a música en vivo sobreviva. A cultura é cousa dos artistas e do público, ningunha das partes debe fallar para que isto se manteña ou volva agromar, mais agora cunha base sólida, á marxe de subvencións que crean unha resposta ficticia. Ao Colón nos achegamos e atopamos no palco un attrezo de salón, coa proxección da imaxe dunha lareira, cadeiras, un can, percheiro, lámpada, alfombra e tamén un microondas. Cando entramos na sala, os músicos varrían, curtaban xamón, lían o xornal, paseaban en bata ou preparaban unhas “palomitas”. Todo para ir entrando en calor e afinaren antes de comezar o concerto.
No papel de músicos, sen ningunha solemnidade nos comentarios divagadores do Pintos ou os máis concisos e directos de Díaz, repasaron en case dúas horas pezas de todos os seus álbumes de estudio, desde o primeiro (“Rosendo en Xabasáns”, “Valseiro, “Cancro Cru”…) até o “Kosmogonías” (“Alalá da Noite” “Caneta de poeta”, “Ataque de Jota”, “Planeta Can” que para iso estaba representado tamén no escenario …) sen esquecer “Xente”, “Cracovia”, “Brest”, “Vamosindo”, “Jota da Gheada”, “Aquí canto”, “Nanatsu” … Tratándose destas datas non podían faltar o “Nadal de Luintra” que rematou co público cantando no momento máis emocionante do concerto. A acústica do Teatro Colón non podía fallar e así brillaron os instrumentos (violín, guitarr, buzuki, arpa, percusións varias, acordeón, gaita e zanfona ) e a voz de Xabier Díaz.
Sempre convincentes e máis próximos ca nunca. Así son os Berrogüetto de salón con varias citas programadas para probar ou repetir mentres esperamos un seguinte paso da súa traxectoria.
Pepe Cunha, 23-dec-2012
vindeiras datas:
xoves 27 de decembro no Teatro Principal, Santiago de Compostela.
xoves 3 de xaneiro Auditorio de Ourense.
venres 04 de xaneiro no Auditorio García Barbón- Centro cultural Novacaixagalicia, Vigo.
sábado 12 de xaneiro no Pazo da Cultura, Narón.