germán díaz “método cardiofónico”

Outubro 29, 2014

Comentada xa aquí a presentación de “Método cardiofónico” no Teatro Principal de Compostela (ver ligazón abaixo), centrareime na versión gravada e presentada en digipack Todo ben coidado e presentado, como os anteriores discos e proxectos do vallisoletano editados por Producciones Efímeras: Rao Trío, Brigada Bravo&Díaz … Ademais existe unha edición limitada con xilografía de F. Remiseiro.

O vallisoletano residente en Galiza é recoñecible non só coma un zanfonista moi reputado, senón tamén pola súa curiosidade, carisma, carácter inquedo e unha querencia polos instrumentos antigos, Entre estes, no disco van aparecendo a rolmónica cromática, a caixa de música, o órgano de barbaría. Ademais, Benxamín Otero (corno inglés e oboe), Pablo Pascual (clarinetes baixo e contrabaixo) e David J. Herrington (trompeta e tuba) acompañan nesta ducia de instrumentais (metade propias, metade alleas) inspiradas nos latexos de corazón gravados en discos de pizarra polo Dr. Iriarte en 1933.

Sen dúbida, esta idea inicial, inspiradora e orixinal, podería eclipsar o conxunto final do disco pero as escoitas relaxadas permiten apreciar e mergullarse nunha música por momentos máxica, ensoñadora e sempre diferente ao habitual. Pouco amiga de corsés estilísticos, arrecende por momentos a música tradicional ou folque, jazz … un chisco de varias fontes. Temos desde a delicadeza da nana que abre (“Nana 0013”) até o ar máis festeiro de “La topolino amaranto” de Paolo Conte, pasando polos títulos inspirados pola súa faceta de observador de nubes (“Cirro”, “Cúmulo con ventrículo izquierdo” e “Mimboestrato”).

Germán Díaz está por riba de estilos, nun mundo propio ou paralelo, á marxe dos circuitos habituais e onde mandan a emoción, a creatividade e a delicadeza. Así, e acorde co carácter vital, latexante do disco, rende a súa homenaxe ao mestre da zanfona Valentin Castrier (“Et la roue de la vie” e “Comme dans un train pour une étoile”) e á música da película grega “La eternidad y un día” (Eleni Karandrou). As propias “Pour L”enfant perdu” ou “Lettre pour Béatrice” non desmerecen o máis mínimo entre tanta fermosura. Iso si, dosifíquena, pois non estamos afeit@s a proxectos deste tipo.

Ppee Cunha, 29-outubro-2014

Facebook

1 week ago

Ábrete de orellas
Versión da mítica "Fairytale of New York" dos Pogues a cargo de Iván Ferreiro , Guadi Galego e moitas máis ... See MoreSee Less
Ver en Facebook