publicado no suplemento Sermos de Nós Diario o 8 de agosto de 2026
Estes dous músicos singulares e creativos non necesitan presentación entre as máis curiosas e atentas ao tradicional que coquetea co jazz e ritmos doutras partes do mundo. Germán Díaz, todo un referente da zanfona, canta nalgunhas pezas e achega a súa paixón polos instrumentos mecánicos, órgano de barbaria, serra musical, bendhir, riq ou krakebs. Benxamín Otero volve amosar a súa habelencia no oboe e o corno inglés. Xuntos gravaron ao vivo en dous días na Capela de Santa María de Lugo coa axuda dun experto neste mester como José Trincado.
Ese outras do título remítenos a “Trece cancións bonitas” (2018), un traballo que ben merecía esta continuación. Iso si, cómpre dicir que son trece na edición en vinilo e quince no CD incluído na mesma. Díaz e Otero reinterpretan pezas de autoría allea e propia que aos seus ouvidos son bonitas e tras escoitar o resultado podemos dicir que a ese cualificativo poderiamos ir sumando os de fermosas, delicadas, divertidas, curiosas … Con razón di Celso Fernández Sanmartín no texto que achega: o mundo é, nas músicas súas: humor, frescor, calor, compango e melancolía. Ademais, os directos son moi recomendábeis polo didactismo, a simpatía nas presentacións e a posibilidade de ver de preto instrumentos non moi habituais.
Entre as colaboracións merecen mención especial as de Vidya Shah, outra dominadora das tradicións clásicas e populares. A cantante india leva a un grao alto de emoción, e mesmo transo, pezas asinadas por Germán como “Dil” o “Kamala” e as tradicionais “Miña nai non quere” e “Alalá do Deza”. Esta última constitúe outro dos momentos álxidos coa presenza de Noemi Basanta, que tamén canta e tanxe a pandeireta da “Muiñeira de Ons” e “Muiñeiras de Florencio” canda Roberto Rodríguez. Finalmente, Pablo Pascual achega clarinete baixo nesas pezas de Florencio e gaitas nunha viaxe a Escandinavia que é “Suite de Polskas”. Este é un universo de seu onde caben momentos introspectivos, delicados ou exóticos (“Água e vinho” do brasileiro Egberto Gismonti, “Tariqa”, “Ruedas de Medina de Pomar”, “Kamala” co canto difónico) e distendidos, bailábeis ou cantaruxábeis (“Canto de Romería”, “Los cacahuetes del España”, “La chica del 17”, “Case un vals”)
Todos suman nunha colección de reinvencións que atrapan até a derradeira nota e constitúen unha proposta musical libre, aberta e atemporal, á marxe de modas e por riba de prexuízos. En disco ou ao vivo, a prescrición da súa escoita axudaría a unha dieta musical saudábel. Finalmente comentar que as fotos de Otero locen na edición física e se hai veces que os recoñecementos fan xustiza, esta sería unha pois foi nominado nos III Premios de la Academia de la Música de España en Tradicional.
Pepe Cunha, 7-agosto-2026


