Pretender restrinxir a Germán Díaz a un determinado estilo, tendencia ou corrente é un exercicio inútil e innecesario. Non hai nada máis alternativo ou diferente que a suma do seu virtuosismo coa zanfona, a curiosidade polos instrumentos antigos e unha bagaxe cultural que dosifica en comentarios tan concisos como naturais e esclarecedores. Este músico vallisoletano, residente en Galiza e de formación e traxectoria musicais impresionantes, é unha bendita rara avis que deixa marcado ao público que ten a sorte de toparse con ela. Desta vez presentaba como merece o “Método cardiofónico”: no Teatro Principal de Compostela e acompañado de Benxamín Otero e David J. Herrington aos corno británico, trompeta e tuba.
Este proxecto xa se presentara en ocasións contadas e con formatos máis cativos, como no Festival SinSal de San Simón de 2013, co núcleo central da zanfona e o detonante deste proxecto: os latexos gravados nun disco polo doutor Iriarte nos anos trinta co nome de “Método cardiofónico”. Desta vez celebrábase a edición física, con non poucos dos micromecenas da mesma nas butacas. Foi unha mágoa que coincidise co concerto de Narf Trío na Sala Capitol pero aínda así a entrada foi boa para se tratar aínda dun segredo para moit@s. Insisto, fagan por ver a Germán Díaz ao vivo con calquera dos seus proxectos.
Sobre a base rítmica dos latexos no disco, Díaz toca a zanfona e instrumentos mecánicos como a caixa de música ou o órgano de barbaria que leen as partituras preparadas anteriormente sobre cartóns perforados. Para completar a exhibición de sons, gravación de loops en directo, unha rolmónica romáticia e as improvisacións dos músicos. Toda unha diversión audiovisual sobre composicións propias e recreacións de, entre outros, Valentin Castrier ou Paolo Conte. O Principal compostelá foi por algo máis dunha hora unha sorte de ensoñación onde serían ben acaídas esas nubes que tanto gostan de observar o propio artista. “Cirro”, “Nimboestrato” e “Cúmulo con ventrículo izquierdo” son 3 desas xoias que agocha o disco.
Pepe Cunha, 18-setembro-2014