nota:
Gelria, o trío galego-catalán que leva o nome do navío holandés no que navegou Manuel Antonio, por fin vén a Galicia presentar o seu primeiro traballo, ‘Cantos de poeta’, un delicadísimo disco que musica catorce poemas galegos de todos os tempos. De Rosalía a Chus Pato pasando por Curros Enríquez, Cunqueiro, Manuel Antonio, Uxío Novoneyra ou Manuel María.
A cita será mañá 27 de decembro en Compostela, no Salón Teatro, cando poderemos escoitar en directo este traballo que percorre a historia da poesía galega contemporánea, desde o Rexurdimento até a actualidade a través dos versos de catorce poetas aos que lles poñen música.
A banda –creada en 2014 por Elena Tarrats (voz), Mario G. Cortizo (percusión) e Federico Mosquera (piano)– estreouse esta primavera no mercado discográfico cun proxecto que se presenta nun coidado formato de libro-disco acompañado de fotografías de Juan Luis Rúa e ilustracións de Sonia García Vidal, ademais do escritor Manuel Rivas que reinterpreta e reescribe os 14 poemas clásicos. Rivas únese de forma xenerosa á longa nómina de colaboradores que Gelria reuniu para este álbum que significa a súa estrea no mundo discográfico. Unha nómina que tamén inclúe ao investigador e músico Xosé Lois Romero que, ademais de participar na gravacións de algúns temas, tamén escribe unha introducción no libro-disco.
O camiño proposto por Gelria principia na época do Rexurdimento (poñéndolle música a Rosalía de Castro – Castellanos de Castilla– e Curros Enríquez –A nena na fonte–), inclúe poetas como Álvaro Cunqueiro (Amenceu bico ou onda do mar), Manuel Antonio (Sós), Uxío Novoneyra (Cousos de lobos) ou Manuel María (Zocas) e culmina cun poema de 2013 de Chus Pato (Unha luz que se afasta e se nos dirixe).
Disco sen maquillaxe
Cantos de poeta preséntanos a visión musical de Gelria destes autores, achegándonos composicións propias inspiradas no espírito dos versos, dos autores e das épocas, respectando o máximo tanto o texto orixinal coma o seu ritmo e procurando sempre que a música sexa quen se adapte a natureza de cada un dos textos.
A este coidado especial á hora de compoñer a música cómpre unirlle o proceso de elaboración, xa que estamos a falar dun disco de produción propia gravado integramente en directo, coa participación dunha longa nómina de colaboradores que participaron activamente no proxecto e sen modificacións nin alteracións na postprodución, o cal lle outorga o disco un son orgánico e natural, tal como foi concibido e interpretado.