Gelria ponlles música aos versos de catorce poetas para percorrer no seu primeiro álbum a historia da poesía galega contemporánea

Abril 13, 2016

nota:

A banda, formada por Elena Tarrats, Mario G. Cortizo e Federico Mosquera, presentará o seu primeiro traballo discográfico ‘Cantos de poeta’, libro-disco no que musican os versos de autores como Curros, Rosalía, Celso Emilio, Manuel Antonio ou Chus Pato
O disco, que sairá á venda o próximo sábado 23 de abril, inclúe o tema “Zocas”’, cuxo texto pertence a Manuel María, poeta homenaxeado nas Letras Galegas deste 2016.

Gelria lanzará á venda o próximo 23 de abril o seu primeiro traballo discográfico. Baixo o título Cantos de poeta, o álbum percorrerá a historia da poesía galega contemporánea, dende o Rexurdimento até a actualidade a través dos versos de catorce poetas aos que lles poñerán música. A banda –creada en 2014 por Elena Tarrats (voz), Mario G. Cortizo (percusión) e Federico Mosquera (piano)- estréase así no mercado discográfico cun proxecto que se presenta nun coidado formato de libro-disco acompañado de fotografías e ilustracións e no que, ademais, se incluirán as letras dos diferentes temas en galego, portugués, castelán e inglés.
Cantos de poeta recolle un total de catorce poemas cuxa selección busca trazar un itinerario musical das diferentes etapas da poesía galega contemporánea, ademais de achegar unha radiografía -a través da música e dos versos- do imaxinario colectivo galego. Así, a antoloxía poética escollida por Gelria reúne voces, palabras e nomes; mais tamén paisaxes, sensibilidades e inquedanzas que conforman a nosa identidade. A escolla desta escolma poética responde, polo tanto, á intención de trazar unha sorte de coordenadas polas que transita o imaxinario colectivo propio.
DE CURROS A CHUS PATO
Cantos de poeta é un disco ecléctico que posúe resonancias de diferentes estilos e xéneros -dende a música tradicional á contemporánea, pasando polo jazz- que propón un percorrido polas diferentes etapas da nosa historia poética.

O camiño proposto por Gelria principia na época do Rexurdimento (poñéndolle música a Rosalía de Castro – Castellanos de Castilla- e Curros Enríquez –A nena na fonte-), e continúa aproximándose á lírica de vangardas (con poemas como Amenceu Bico ou onda o mar, de Álvaro Cunqueiro; Sós, de Manuel Antonio, ou Canzón para que un neno non durma, de Luís Pimentel) e á poesía de posguerra (versionando Eu quero oír o teu silencio, de Aquilino Iglesias Alvariño, ou Longa noite de pedra, de Celso Emilio).

A antoloxía tamén se achega ao grupo Brais Pinto (Cantiga do amante preso, de Xosé Luis Méndez Ferrín ou O gato da tasca Mariñeira, de Bernardino Graña) e a poesía do autor de referencia das Irmandades da Fala, Ramón Cabanillas a través do seu poema Acción Gallega, prestándolle tamén a atención a poetas da Xeración dos 50 como son Luz Pozo Garza, co seu poema Far Blues; ao poeta da Terra Cha, Manuel María, a quen se lle dedica ás Letras Galegas deste 2016, co poema Zocas, e ao seu compañeiro de xeración Uxío Novoneyra, de quen se musica Cousos do lobo. O periplo remata cun Unha luz que se afasta e se nos dirixe, poema de 2013 Chus Pato, unha das voces poéticas de maior peso no panorama da lírica actual.

DISCO SEN MAQUILLAXES
Cantos de poeta preséntanos a visión musical de Gelria destes autores, achegándonos composicións propias inspiradas no espírito dos versos, dos autores e das épocas, respectando o máximo tanto o texto orixinal coma o seu ritmo e procurando sempre que a música sexa quen se adapte a natureza de cada un dos textos.

A este coidado especial á hora de compoñer a música cómpre unirlle o proceso de elaboración, xa que estamos a falar dun disco de produción propia gravado integramente en directo, coa participación dunha longa nómina de colaboradores que participaron activamente no proxecto e sen modificacións nin alteracións na postprodución, o cal lle outorga o disco un son orgánico e natural, tal como foi concibido e interpretado.

O proceso de gravación desenvolveuse co equipamento da Radio Galega baixo a dirección de Pablo Barreiro e nel participaron os músicos Xosé Lois Romero (acordeón e percusión), Pablo Pérez (contrabaixo), Rubén Fernández (voz), Mariana Montero, María Montero e Alejandra Montero (voz e pandeireta, miembros de Lilaina), Benxamín Otero (oboe e corno inglés), Cibrán Seixo (violín), Paula Santos (viola), Rosalía Vázquez (violoncello), Roberto Bao (percusión), Isabel Diego (percusión) e Ana Gayoso (percusión). As traducións dos textos correron a cargo de Erin Moure, Carlos Quiroga e Rosario Souto, filóloga que apoiou a Gelria na escolla dos textos.

AXENDA

Facebook