Tras se presentar co EP “Alborada” ( aquí comentado ) en 2021, vemos que o proxecto de música electrónica ambiental de Adrián Charlín madura con este longa duración. Non abandona as baterías e as percusións, o instrumento co que o participou en varias bandas e que segue a ter presenza notábel nos seus directos, mais si apreciamos que afonda máis na exploración no eido da electrónica e o ambient. Apréciase máis coidado nos detalles, máis minuciosidade e tempo á hora de propoñer atmosferas evocadoras, do máis luminoso ao escuro.
Destas dúas sensacións, do gusto de Garza polo contraste, “Arien” ou “Bin Jip” poderían ser un encontro e, xa que logo, introducións ao disco. Porén, cada peza ten a súa personalidade e en conxunto preséntase como un álbum ben aberto e ávido de insistir en intensidades diferentes. Desde a cara máis tranquila de “Interferencias” ou de “Mare” -onde Rosalía Fernández Rial pon o acordeón- até a contundencia de “Celas”, “Tránsitos”, “Tecidos” … Mención especial merecen tamén “Terra Núa”, con aires psicodélicos apoiados na guitarra de Manuel Seixas, ou a voz de Irene Ríos en “Crisálida”.
“Interferencias” transita por estilos varios, non é tan doado analizalo como, e pido perdón por abusar da expresión, “deixarse levar” polos samples, gravacións, efectos e instrumentos. Hai pezas máis accesíbeis, como de club de baile, ambient, trip-hop (“Elevators”, “Azul”) e outras experimentacións que se me escapan a etiquetar. Ferror Records volve encargarse da edición física limitada en CD Digipack, desta vez con fotografía de portada obra do artista Tano Shirou (Kyoto) e artwork da Irene Ríos.
Pepe Cunha, 31-decembro-2022