Baixo o nome de Garza descubrimos o proxecto de electrónica ambiental de Adrián Charlín, batería en diferentes bandas galegas de rock. Saíndose desas coordenadas edita baixo o selo Ferror Records un mini-álbum de seis temas que presenta así: “Alborada é unha homenaxe ao imaxinario da miña infancia, á Galicia rural e mariñeira, a dos meus avós, é a historia dun neno dunha vila calquera que, cun tambor no medio dunha alborada, quere voar ata as estrelas.” Porén, que o título non leve a confusión: isto non vai de música de raíz mesturada con electrónica.
Si que nos atopamos con sensacións e emocións musicais construídas con teclados e sintetizadores, mais podemos apreciar tamén que están argalladas co aquel dun músico “orgánico”, en particular nas percusións, o instrumento que manexa habitualmente. Ademais, recibimos un certo arume primeiro a rock progresivo e rock sinfónico que deseguido deixa o protagonismo a atmosferas de ensoñacións e evocacións varias … con perspectivas sonoras de trip-hop, ambient, noise … e outras etiquetas que queiramos poñer.
Non obstante, do que se trata é de que a música leve a ouvinte por onde se deixe, que non ten por qué ser esa sensación de Galiza que propón o autor. Un debut breve e intenso, nada pretencioso pero cuxa humildade non debería facelo pasar desapercibido. Aínda que só fose polas dúas pezas con voces: a desgarrada “Cravos,” na que nos reencontramos con Manuel Seixas (Korosi Dansas) nas letras e voces, e a hipnótica “Galician Frecuencies” con Xackal.
Pepe Cunha, 6-outubro-21
repertorio:
Continxencias (Apertura)
Cravos (Con Manuel Seixas)
Ondas
Galician Frecuencies
Árbores de inverno
Alborada