García MC

Maio 17, 2014

GARCIA MC DE DIOS KE TE CREW
sábado 17 Maio / 23.30 h
5 € / 2,5 € (soci@s)
García Mc (Ghamberros, Dios Ke Te Crew, Labregos do Tempo dos Sputniks…) está a presentar o seu Abaixo e De Pé (Vir.) un traballo no que amosa amor e rabia, unha mirada rebelde e zapatista que conduce a través dos ciclos naturais: a expresión das loitas de abaixo, as apegadas á terra. Será este un concerto de ritmo e oralidade, no que camiñaremos por Ordes, o Bronx ou a Selva Lacandona, acompañado por DJ Mil, todo dende un posicionamento claro: Abaixo, e de pé. García Mc comeza rapeando letras propias con 13 anos, directamente influenciado por unha das bandas fundacionais do Rap en galego: 5 Talegos. Ao pouco, aínda na adolescencia, pasa a formar parte do proxecto musical rapeiro Ghamberros, editando un traballo discográfico en 2004 ao remate desta aventura. Existía xa, sen embargo, dende o 2003 o Colectivo Hip Hop Dios Ke Te Crew, García é un dos seus fundadores, intégrano Ghamberros así como boa parte de 5 Talegos, sumándose nos seus espectáculos tódalas vertentes da Cultura Hip Hop: Breakdance, Graffiti, Dj´ing, Beat Box… Con DKTC editáronse ata o momento catro traballos discográficos: Xénese 2006, Adianto/Maxi: Chove 2010, Humanose 2011 e Dez 2013. Actualmente participa activamente tanto en Dios Ke Te Crew como no proxecto de “Foliada Rap and Punk” Labregos do Tempo dos Sputniks, leva ademais case unha década impartindo Obradoiros e Cursos sobre Cultura Hip Hop/Rap principalmente para adolescentes, sobre todo para equipos de Normalización Lingüística en centros formativos pois García entende o Hip Hop como ferramenta de transformación social, de empoderamento. Musicou poemas de Celso Emilio Ferreiro en clave rapeira. Formou parte da Radio Kalimera (a radio libre de Compostela) ou da Banda Fura Fura (Homenaxe ao Zeca Afonso) ten participado ademais en diferentes mesas redondas e coloquios como defensor da Cultura Libre. A título individual levou o seu Rap en Galego a lugares como Copenhangue, Guiné-Bissau, Portugal e México. Ou a Cuba e boa parte do estado español con DKTC. Participa así mesmo en ducias de discos de grupos eclípticos da música galega contemporánea. Recentemente edita Abaixo e de pé (García Mc. VIR. 2012). Neste EP García mostra amor e rabia nunha mirada rebelde e zapatista que conduce a través dos ciclos naturais: a expresión das loitas de abaixo, as apegadas á terra. É un traballo de artesanía feito localmente e que respira globalmente. Todas as letras son propias, agás o poema Amor e sangue en Chiapas de Lois Pereiro. Colaboran ademais neste disco curto entre outros Lengualerta o artista mexicano, amigo persoal de García, con quen compartiu travesías musicais por México, Galiza ou as Illas Azores. “Rúa arriba e rúa abaixo faise o camiño” di o García, co oficio da palabra consciente expresándose arredor da alegría e o amor, do sangue e de Chiapas que influencia claramente o seu último traballo. E con toda a xente anónima que fai a digna historia dos pobos, a que non sempre está escrita e todo isto cun posicionamento claro: Abaixo, e de pé.

AXENDA

Facebook

2 hours ago

Ábrete de orellas
mañá sábado 20 en Redondela, concurso de maquetas de Asociación do Festival Millo VerdeEn colaboración con ArteLixo ... See MoreSee Less
Ver en Facebook
23:30 h.
Bar Liceum, Porriño.
2,5 / 5 €