galavera “dos y dos”

Xuño 18, 2014

Algúns proxectos musicais teñen a súa razón de ser na necesidade de moit@s artistas de compartir inquedanzas fóra da súa banda habitual. Mais tamén son necesarios para quen vivimos con certa intensidade o mundo da música popular, pois estas propostas máis persoais, íntimas ou alternativas, axudan a rachar coa monotonía ou saturación da tendencia ou moda do momento por se arredaren dunha etiquetaxe fácil. Si, corren o perigo de quedar no ostracismo ou pasar desapercibidas. O recoñecemento ou reivindicación tardíos, o malditismo ou a cualificación de culto forman parte deste mundiño da música e quen sabe se Galavera acabe por entrar neste grupo nun futuro.

Chegado da fértil escea levantina, “Dos y dos” supón o debut do dúo formado por Raúl Tamarit (compositor, cantante e guitarra de Los Radiadores e ex de Una sonrisa terrible) e a súa parella Vanessa Juan. Por se necesitasen máis pegadas do seu carácter intimista, o nome da proposta vén inspirado polos das súas fillas Gala e Vera. Malia conservar o deixe roqueiro, Tamarit preséntase máis acústico ou agreste, próximo a un folk underground de luces e sombras. Ben acompañada polo violonchelo de Vanessa, a voz bravú, crúa, apenas moldeada de Raúl, canta as cinco cancións propias e deixa para ela unha composición allea: “Semana santa” (recuerdo a Edu Fort, finado membro de Una Sonrisa Terrible), que lembra bandas do son Donosti como Family ou La Buena Vida.

A trompeta de Sebas Martí e outros detalles instrumentais do produtor Sergio Devece (Corcobado, La muñeca de sal, Perro Grande) completan unha medida atmosfera instrumental de “Jueves, milagro” (pingas de costumbrismo inspirado na gran película de Berlanga), “No quiero volver a tu lado” ou “Sal y limón”. “A la sopa boba” tira máis polo country e “Te inventaré” resulta unha inspiradora peza de pop psicodélico da que gosta personalmente un servidor. Ben interesante esta primeira referencia autoeditada por Infinito Discos e apoiada por Bonavena Música, o selo montado polo propio Tamarit e Manolo Bertrán (“Doctor Divago”).

Pepe Cunha, 18-xuño-2014

AXENDA

Facebook

5 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook