Gabriel Peso Trío

Xullo 28, 2019

nota:

Á idade de catro anos, o pontevedrés Gabriel Peso subía ao Teatro Principal de Pontevedra xa como pianista. O seu destino estaba marcado. Máis tarde estudaría piano clásico.

En 2011 graduouse na especialidade de jazz no Conservatorio Superior de Música da Coruña con matrícula de honra.

Desde entón ten amosado non só ser un excelente pianista de jazz, sino tamén un cobizado músico todoterreo: televisión, teatro, rock, pop…

Participou co seu trío en festivais como Imaxinasons de Vigo, Festival de Jazz de Pontevedra, Festival de Jazz de Noia, Festival de Jazz de Ponteareas, IberoJazz, Ciclo 1906 Estrella Galicia entre outros, e foi finalista no Jazz Festival de Roma European Jazz Contest co cuarteto Four Xente.

Recibe o primeiro premio para a excelencia musical, Mans Futuro 2012, outorgado pola Xunta de Galicia e pola Fundación Paideia.

En 2013 grava o seu primeiro disco a trío como líder: Sinapsis. Nel dá conta do seu eclecticismo: composicións con aroma a standard, blues, ritmos complexos e próximos ao rock progresivo… Mesmo dá cabida a unha muiñeira. Predominan a melodía e o lirismo, así como tamén unha fusión de jazz europeo con raíces da música galega. Gabriel Peso reúne a moitos pianistas sobre un mesmo teclado.

Actualmente o trío fórmao con David Ruíz ao contrabaixo e Miguel Asensio á batería, con quen acaba de gravar o seu segundo disco Travesía.

Este novo traballo é unha viaxe musical dos cinco anos de transición que transcorren entre este disco e o anterior.

FORMACIÓN:
Gabriel Peso: piano
David Ruíz: contrabaixo
Miguel Asensio: batería

AXENDA

22:30 h.
Praza da Ferraría, Pontevedra.
De balde.