Fusión musical coa contorna, 17º Ribeira Sacra Festival, sábado 29-xullo-2017

Xullo 31, 2017

A estas alturas resulta difícil sorprender dentro da oferta festivaleira. Eses concertos máis ou menos atraíntes que se poden dar en calquera lugar, deben ir acompañados dalgo máis. Ou polo menos unha parte crecente do público procura un extra distintivo, significativo. Aquí encaixa a proposta do 17º Ribeira Sacra Festival, que conxuga concertos e roteiros en lugares patrimoniais e naturais co viño e a gastronomía nunha das bisbarras fermosas do país. O programa ofrece unha oferta ampla para asistentes máis ou menos implicad@s: desde quen queira tirar o maior partido das actividades até quen prefira achegarse só a concertos determinados, coma un festival máis “ao uso”, con 4 bandas. Iso si, a carón do Parador de Monforte.

Tras o concerto de benvida do venres, a cargo de Pardo no Miradoiro de Santiorxo, a xornada intensa era a do sábado, comezando ao mediodía con Ángel Stanich na Adega Rectoral de Amandi. Obviamente, a motivación extra de sentir a música nun lugar con encanto atrae e predispón positivamente, aspecto clave deste festival. Mais era cara a hora do xantar que a redacción orelluda volvía anos despois ás Bodegas Regina Viarum. Lembramos hai anos o peche cos Sidonie de Baixo a Vide, ocasión que é a probable semente deste festival. No patio das adegas amenizarían Os amigos dos músicos, nun pequeno palco canda a paisaxe dos Canóns do Sil e baixo un sol que pedía máis espazos de sombra ou chapeu e protector solar.

A banda con centro de operacións en Ourense segue a crecer e funcionar no directo, convencendo mesmo a que non acaba de engancharse ao seu disco de debut. Coma ocasión especial, fixéronse acompañar por Ángel Carmona (xornalista musical de Radio 3) en “Son o último” e de Magín Blanco, referente da banda canda Luis Emilio Batallán, The Band ou Neil Young, nunha peza súa: “Meu único amigo”.

A partir dese momento xa tocaba elixir pois Virginia Maestro tocaba nun catamarán e The Wellgreen na Adega Algueira. O dos Sumrrá na Igrexa de San Xulián de Lobios tiña unha pinta incrible, pero optamos polo pop clásico dos escoceses, menos habituais nestes lares. O noso plan musical decantouse desta vez polos parámetros blues – folque – pop rock clásico, claramente protagonistas nesta primeira edición do festival. Iso si, as excepcións como Germán Díaz (o domingo na Rectoral de Gundivós) e Sumrrá sempre son un acerto para ouvidos máis curiosos. Agás @s 4 “pintamonas” que non son capaces de gardar silencio, resultou perfecta a suma da paraxe de árbores e herba con ese pop atemporal, “reserva” (xa que estabamos en terra de viños …) de composicións dos 60, psiquedelia, primeiro power pop … Non importou nin a corda que rompeu na guitarra, pois así caeu máis repertorio acústico e estiveron impecabeis, sobre todo na conxunción das súas voces.

Inmediatamente, volta ás Regina Viarum, para collermos bo sitio no concerto de M. Ward, o gran nome do festival aínda que viñese en solitario. O californiano non defradou nin un chisco as expectativas. El semellaba gozar gozou dos caldos brancos da zona, da paisaxe e da atención e aprezo da maior parte da audiencia. Correspondeu armado con dúas guitarras, pedais e efectos (pero sen gran aparataxe) e facía como que ía pensando o repertorio, no que non faltaron os seus “éxitos”: “For Beginners”, “Duet for Guitars”, “Chinese Translation”, “Poison Cup”, “Sad Sad Song” … e versións magníficas da tradicional “Rock Island Line” ou ”Let’s Dance” de Bowie. Como anécdota, rematou o primeiro repertorio deixando o palco cun “loop” de guitarras entrelazadas e regresando cunha botella de auga para compensar as varias copas de viño que lle foran achegando. Sentimos a través del toda esa tradición norteamericana que agromou do blues e sumámolo a ese grupo selecto de talentosos que se defenden sós de marabilla e viñeron demostralo: Nick Lowe, Jeff Tweedy, Neil Hannon, Caetano Veloso, Bart Davenport …

A partir de aí, o público enfiaba cara o festival en Monforte, onde agardaban The Magic Numbers, Los árboles, Novedades Carminha e Iván Ferreiro. Estes dous últimos nomes resultan talvez moi manidos neste verán e menos “orixinais” para a proposta en global. Porén, o tirón de artistas “de moda” xa sabemos que facilita a viabilidade dun festival, e a venda de entradas nos últimos días así o xustifica. Para quen non queimase a noite ou preferise descansar ou dosificarse, o domingo ofrecía catamarán con Virginia Maestro, Best Boy nas Reginas Viarum de balde ou un xantar amenizado polo mencionado Germán Díaz. E o tempo seguía acompañando.

Saímos encantad@s dos concertos e constatamos que a loxística non é doada, e máis nunha primeira edición. A proposta pide boa disposición e implicación e colaboración do público, dada a previsión de horarios, variedade de actividade e recintos nos que traballar. Desde a organización, ben atenta atención no aspecto comunicativo, de seguro xa están a tomar nota dos aspectos a mellorar, como a xestión dos desprazamentos e axustaren os prezos de comidas e bebidas, principais comentarios que fomos recompilando. Ficamos pendentes da segunda edición e engadirmos algún roteiro e visita guiada. Porque quen vai á Ribeira Sacra, repite, e se é con bos concertos, máis razón.

Pepe Cunha, 31-xullo-2017

AXENDA

Facebook

3 days ago

Ábrete de orellas
Este sábado, na Sala Rebullón, o porriñés Peter Petrowski presenta o seu novo disco de colaboracións, ALL-STARS, co que celebra dez anos de produción musical. 💿A presentación contará coa presenza de practicamente todas as colaboracións que participaron nesta gravación e con Lakenobaila aos pratos, nun evento único e seguramente irrepetible que reunirá algunhas das voces máis importantes das músicas urbanas do País. 🌟Antes das actuacións, poderemos gozar do documental 𝗦𝗘𝗚𝗨𝗜𝗠𝗢𝗦 𝗘𝗡 𝗣É!, que conmemora os 20 anos da banda DAKIDARRÍA , cuxo cantante, Gabri, tamén colabora neste disco. 📽️Ademais, a colaboradora Nuria Vil presentará a curta 𝗗𝗲𝗹𝗶𝗻𝗰𝘂𝗲𝗻𝘁𝗲, baseada no seu poema sobre a historia obreira da cidade de Vigo e dirixida por Alba Domínguez, na que Petrowski asina a posprodución da banda sonora.E para rematar esta gran xuntanza de ALL STARS, ninguén mellor que Sapoconcho SemPoncho .🎉Non te perdas esta celebración da música galega. A cita comeza ás 17:00h coas proxeccións.🎟️ Entrada Anticipada 5€ + G.X / Billeteira: 8€💻 Entrada web: vivetix.com/entradas-peter-petrowski-presentacion-all-stars-2msj?s=link&fbclid=PAZXh0bgNhZW0CMTEA...🏡 Entradas á venda na Cantina As Pedriñas🗓️ Sábado, 5 de Outubro.⏰ 17:00h - Proxeccións 📍Avda. Rebullón Nº 23 - Tameiga.#keler Keler #Tameiga #Concertos #Conciertos #Musica #Comunidade #Mos #Galicia #Salarebullon ... See MoreSee Less
Ver en Facebook