Fred Martins & Ugia Pedreira

Novembro 09, 2011

Ugía Pedreira (Marful, Nordestin@s e ex-Chouteira) segue a consolidarse como unha das artistas máis activas da música galega. Hai uns anos viaxou ao Brasil e alí coñeceu a Fred Martins, a quen trouxo a tocar no ciclo de Músicas Portuarias en Ferrol e algún concerto máis. Seica desde o comezo houbo química entre eles e comezaron cantar, tocar e compoñer xuntos. Nestes tempos da Internet a súa colaboración puido ser via envíos de MP3 ou correos electrónicos, pero o Fred se asentou entre nós e este repertorio común foi crecendo cara a cara, na familiaridade, na distancia curta e con complicidade.

O seu exquisito dúo de voces e a sensibilidade do brasileiro nas cordas crea nos seus concertos unha atmosfera de intimidade e agarimo que agora presentan en disco. Iso si, enriquecida coas achegas de músicos máis ou menos relacionados con A Central Folque, principalmente Pedro Pascual por se encargar da produción e a dirección musical.

Co seu labor, esas cancións acústicas que creceron e se defenden con naturalidade ao vivo brillan aínda máis con colaboracións como a de Quim Farinha en “Que bom seria” ou o piano de Alejandro Vargas en “Tanto amar” con texto do poeta Marcelo Diniz musicado por Fred, ao igual que acontece con “Águas passadas” e “Depressa a vida passa”, dúas das alfaias do álbum grazas en boa parte ás colaboracións de Marco Suzano e os Pascual naquela e de Germán Díaz na última. Un bloco aparte serían as composicións asinadas por Ugia: “Di o dianho”, “Sabe a pam”, “Infinito vrao” ou “Aritmética” enriquecen a variedade estilística cun ar máis pop este “Acrobata” no que predomina o repouso, a melancolía e o intimismo. No equilibrio, o tema que titula o álbum, coa letra máis acougada de Ugia e a brasilidade de Fred. Pepe Cunha 8-xuño-2011

Facebook

12:00
Facultade de Filoloxía, Universidade da Coruña
de balde