fred martins “para além do muro do meu quintal”

Maio 08, 2015

Este cantor, compositor e guitarrista brasileiro chegou a Galiza hai anos da man da Central Folque para unha serie de concertos. Desde aquela mora entre nós, polo menos por temporadas longas. No seu país xa gravara catro álbums e rexistrou un máis na Galiza a dúo coa súa cómplice no país, Ugia Pedreira. En formación mínima, intensa e próxima, de voces e guitarra interpretaron ao vivo un “Acrobata” (comentado neste portal) do que aquí recupera “Poema Velho” e “Depressa a vida passa”. Tamén fai paradas nos álbumes anteriores porque este traballo que nos ocupa actúa coma tarxeta de presentación en Europa.

Si, un mero compilatorio serviría coma presentación, pero o artista prefiriu abrir un micromecenado e entrar no estudio para revitalizar esas cancións que interpretaran tanto el mesmo coma outr@s vocalistas: Ney Matogrosso, Maria Rita, Renato Braze ou Zélia Duncan. Unha proposta con carga poética desde o título -verso de Pessoa- e no contido: até cinco cancións nas que se asociou con Marcelo Diniz e outras con Manoel Gomes, Fred Girauta, Roberto Bozzeti e Alexandre Lemos. A poesía na presentación física pona o galego Pablo Giraldez, o Pastor, co fermoso deseño do digipack.

Para esta misión anovadora confiou en Paolo Borges, pianista e habitual director musical do Cantos na Maré (o festival da lusofonía onde participou Martins), e músicos como Sergio Menem (cello), Alexandre Frazao e Márcio Bahia (percusións), Bony Godoy (baixo), Marcelo Martins (frautas) e Pedro Pascual (acordeón diatónico). Nos Atlântico Blue Studios de Lisboa dotaron ao disco dun son orgánico ou electroacústico ben acaído para o estilo poético de Martins. Deste xeito sentimos con nitidez o agarimo dos intérpretes, a alma espida dos instrumentos e a dicción dos textos.

Fred Martins gosta a quen ten debilidade pola música de tradición brasileira (Carlota, Vinicius de Moraes, Chico Buarque, …), mais ademais do samba e a bossanova exhala elementos de blues, rock, reggae e formas menos recoñecibeis para nós doutras rexións do Brasil. Grazas a cancións coma “Flores”, “Novamente”, “O samba me diz” ou “Tempo afora” é normal que sexa considerado un dos talentos compositores da súa xeración.

Pepe Cunha, 7-maio-2015

AXENDA

Facebook

6 hours ago

Ábrete de orellas
TANXUGUEIRAS e Fillas De Cassandra unidas en "Quen é a que canta?" ... See MoreSee Less
Ver en Facebook