As cancións tiradas de versos ou poemas adoitan ir acompañadas dun certo halo de solemnidade ou seriedade. Polo menos iso debeu motivar o músico coruñés Fran Amil (Os Papaqueixos, Os Diplomáticos de Monte Alto, Os tres trebóns, Ultraqans, Chuches Amil …) para nos propor unha alternativa desprexuizada e estimulante que leve clásicos da lírica galega a ritmos bailábeis de pop, soul, rock ou funky … E ademais faino sen esquecer as nosas raíces, como el mesmo apunta: “Coa escolla da onda musical que brindamos nestas composicións procuramos a mestizaxe coas raíces da música galega”.
En conxunto, consegue tirar a parte máis lúdica da lírica e traerlla á mocidade e ás familias con cancións ben redondeadas e enchoupadas de sons populares das últimas décadas. Iso si, libres do verniz de reggaeton, trap ou autotune, cunha produción brillante e limpa onde é doado apreciarmos o traballo de cada un dos músicos solventes que participan: Paco Cerdeira nas guitarras, Richi Casás nos ventos, Antón Torroncho no baixo, coros de Carmen Rey e Ángeles Dorrio, Álex Salgueiro ao piano …
Probabelmente as funky “Negra sombra” de Rosalía de Castro ou a cantiga de amigo “Ondas de San Simón” de Mendinho sexan, por populares, os exemplos que de primeiras chaman a atención co seu ton xubiloso, pero unha vez entremos na onda do disco iremos gozando do tratamento máis ou menos roqueiros de “Pena da roca” (Leiras Pulpeiro), “Mentres canto” (Celso Emilio Ferreiro) ou “Coma brasas” (Xosé María Díaz Castro), reggae en “Rosa das Rosas” (Afonso X O Sabio), soul en “Aleluya” (Valle Inclán), a balada “Dásme a vida” (Avilés de Taramancos) ou o pop de “Candeloria” (Amado Carballo) e “San Martiño” de Antón Tovar.
Pepe Cunha, 5-xaneiro-2022