Foliada Oxford University Ceilidh

Agosto 05, 2014

Foliada Oxford University Ceilidh (folc)

nota:

A Oxford University Ceilidh Band ofrece mañá un concerto-foliada céltica no seo do Festival Feito a Man na terraza da Casa das Crechas. Trátase dunha banda folc nacida no Reino Unido en 2011 que fan música para bailar nun céilidh, a palabra gaélica que vén a ser sinónimo das vosas foliadas ou seráns. Dentro da banda hai persoas encargadas de ensinarlle ao público as danzas; non hai quen quede sen bailar nun céilidh.

A súa música é un mosaico feito na súa maior parte de pezas inglesas, irlandesas e escocesas. Gozan misturando melodías de diferentes países e engadíndolles arranxos contemporáneos. Algúns dos seus temas teñen centos de anos, outros son máis recentes, algúns mesmo son da súa autoría e todos, sen excepción, encaixan nos patróns rítmicos dos bailes tradicionais dos céilidhs, maiormente xigas, reels e polcas. Co trepidante ritmo das súas actuacións acontece que, de cando en cando, o público danzante precisa un descanso. Sempre aproveitan estes espazos para botar man dalgunha das fermosas cantigas tradicionais do seu repertorio.

Un céilidh é sempre festa asegurada para xente vella e nova. Nas illas británicas a miúdo un céilidh é unha das partes máis divertidas das festas patronais e das vodas. Esta banda colleu sona en Oxford e arredores pola enerxía e vitalidade do seu directo, pola boa festa que nace das súas actuacións, e deles teñen dito: “Grande e rigorosa calidade musical para acompañar aínda mellor festa” e “Unha banda extraordinaria, capaces de poñer a bailar a unha chea de xente”.

Desde a súa fundación no 2011 viaxaron a Cambridge, Londres, Southampton e Stornoway (nas illas Hébridas) para tocar, animar e armar Céilidhs. 2014 é o ano da súa primeira xira internacional. Entusiasmo e emoción enchen as maletas da súa viaxe a Galicia. A fascinación pola música galega comezou nas Galician sessions que artella Mano Panforreteiro en Oxford. A atracción por esta música non deixa de medrar e chegarán con ánimo de tocar e aprender con nós máis música galega.

AXENDA

20:00 h.
Festival Feito a Man, Casa das Crechas, Santiago de Compostela.
De balde.