FIV de Vilalba 2014: venres 11 de abril

Abril 14, 2014

Visto o cartel, o FIV 2014 non ía ser unha edición moi especializada nin dirixida a un público esixente, senón que chamaba por diferentes padais e contaba con nomes abondo recoñecíbeis. Decisión a priori correcta se o que se quere é unha resposta numerosa e que a xente (re)descubra algunha banda. Nestes tempos que corren para a música popular hai que celebrar que un festival se manteña e aposte por un cartel variado e nunhas datas menos habituais. Se ao final o que importa é ter aparcado os prexuízos e deixar levar por uns bos concertos, o ton xeral destes foi bo, con poucas sorpresas ou decepcións.

No mesmo comezo da xornada do venres, a primeira impresión foi de reafirmación nas expectativas de temperatura e localización. Nestes comezos da primavera recibiunos o frío penetrante do serán chairego e a localización da carpa fucsia na praza principal. Esta ten os puntos fortes do fácil acceso a pé e a proximidade de establecementos hosteleiros onde durmir e alimentarse. Mais tamén unha acústica que sofre cando non hai público abondo e o son rebota contra a pedra do chan. Coa chegada da xente e os axustes de son, os tapóns deixarían de ser imprescindíbeis para os ouvidos máis sensíbeis ou coidados.

Neste contexto, a banda internacional da noite supuxo a primeira decepción, pois eramos apenas unhas ducias de persoas e o son era insufríbel sen protección. O concerto da banda de Leeds Eagulls resultou frío e unha mágoa tras as expectativas que tiñamos postas nunha banda de Leeds que está a dar que falar. Visto o panorama, os británicos tocaron a súa media hora e marcharon con máis pena que gloria, probablemente pensando nos seus bolos coa calor dunha sala e un público disposto. Nin sequera un temazo como “Possessed” foi quen de cambiar a situación. Tras lle meter ao corpo un “carajillo”, constatei que gosto máis de The Right-Ons nun festival que actuando para un público “propio”. Sempre soan ben, fan por conectar coa xente e a súa proposta pode ir con facilidade do rock tinxido de funk ao de certa densidade setenteira dunha “Purple Neon-Lights”. Esperemos que tras o seu recente paso ao castelán, o seguinte sexa un maior empeño nas letras. Niso hai tempo que traballa a banda murciana Second, que xa pasa ben dunha década de traxectoria e aínda así sigo a lles botar en falla un algo máis. É unha desas bandas que se non vés “gustado” da casa dificilmente te atrapan nun concerto. Repasando o seu repertorio teñen boas cancións e táboas na execución, pero a súa actuación resultou algo sosa malia se enfrentaren á maior afluencia de público desta primeira noite. Precedían un dos atractivos do cartel para ben ou para mal, segundo gustos e prexuízos.

Amaral abriron quitándose de enriba o seu maior éxito popular interpretándoo en dúo acústico. Con esta “Sin ti no soy nada” despexábase o maior perigo de karaoke -que non o único, claro- e presentaban un concerto máis roqueiro con nova banda. Como era de esperar, compartiron pezas do álbum próximo (“Ratonera” a máis celebrada) no medio dun repaso solvente e variado á súa traxectoria. A presenza maior foi das cancións recentes, contundentes ou guitarreiras (“Kamikaze”, “Resurrección”, “Antártida”, “Hacia lo salvaje”, “Van como locos”, “Revolución”, “El universo sobre mí”, “No sé que hacer con mi vida”…) pero non faltaron algunha algo máis experimental como “Estrella de mar” ou “En sólo un segundo”, cun chisco ao “Heroes” de Bowie, e as melancólicas “Cuando suba la marea”, “Como hablar” (o outro grande karaoke) ou “Rock and Roll”. Sempre soan ben ao vivo pero a nova formación (na que contan con Jaime García Soriano “Sexy Sadie e Sr. Nadie” na segunda guitarra e coros) pareceunos aínda un pouco falta de rodaxe. O FIV sempre poderá presumir de que trouxo o primeiro festival de Amaral no 2014.

E para rematar, unha aposta segura para case calquera festival, pola presencia escénica e unha proposta musical claramente bailábel. Por iso repetían no FIV. Fuel Fandango non pasan desapercibidos para quen os ve por primeira vez, sexa aquí ou noutro lugar do mundo que os chame, pero tras o factor sorpresa hai que ser xa algo fan ou ir ben disposto. Desta vez non só traían no repertorio aquel sorprendente debut homónimo senón que presentaban “Trece Lunas” por segunda vez en Galiza, tras o paso pola Sala Capitol de Compostela. O reforzo con baixista aínda os fai máis efectivos, pero servidor é dos que pensan que máis castelán ou unhas letras algo máis complexas non lles restaría nin un chisco de exportabilidade, polo menos a nivel de discos. Para o directo e a horas avanzadas, ben se volveu constatar o que gosta a conxunción da voz da cordobesa Nita coas efectivas composicións do ex Mojo Project Ale Acosta.

Si, pechaba Iván DJ, pero entendede que quen asina non quedase. É o que ten non abusar dos vicios para combatir o frío, outro dos rasgos do FIV, para que agochalo?! O cansanzo das horas en pé chama a un descanso repoñedor cara a segunda xornada.

Pepe Cunha, 14-abril-2014

AXENDA

Facebook

7 hours ago

Ábrete de orellas
TANXUGUEIRAS e Fillas De Cassandra unidas en "Quen é a que canta?" ... See MoreSee Less
Ver en Facebook