FIV de Vilalba 2014: sábado 12 de abril

Abril 22, 2014

Para quen amenceron en Vilalba ou fixeron o esforzo de se achegar, o mediodía do sábado ofrecía un acústico de Ángel Estanich e unha sesión de Chema Rey DJ, ex-locutor de Radio3 que desde que saiu da emisora leva de viaxe as súas seleccións musicais e nos “vende” grupos, como Arizona Baby e precisamente o seu apadriñado Estanich.

Para o sábado, malia o tirón da cabeza de cartel do venres, xa se esperaba maior afluencia ou polo menos desde as primeiras horas. Así como había xente que só fora por Amaral, había quen pasara do venres polo mesma razón. Prexuízos hai por todos lados.

Maryland abriron defendendo ben o seu paso solvente ao castelán con “Los años muertos”. O que xa non sorprende a estas alturas é o seu estilo, con abondas cancións efectivas unha a unha pero que en conxunto reflicten linealidade ou mimetismo na composición. Soaron coa solvencia que se agarda dunha banda que percorre a xeografía ibérica con 3 discos baixo o brazo. Contundentes con dúas guitarras, teclado e un reforzo acertado na batería, os de Vigo apenas tiveron algún problemiña non ben resolto con algunha guitarra, pero cumpriron na tarefa de abrir a xornada.

León Benavente amosaron que non son un deses bluffs que tentan escoar desde Radio 3 ou webs máis dictadoras de tendencias que didácticas ou informativas. Catro músicos ben curtidos en proxectos de renome e con táboas (Schwarz, Tachenko, Nacho Vegas …) foron quen de convencer ao vivo coas cancións entre o notábel e o sobresaínte do seu primeiro álbum, xa tiren desde a súa proposta independente e roqueira cara a psicodelia, o after-punk ou o pop. Son todo un supergrupo armado con composicións que funcionan moi ben ao vivo como “Ánimo, valiente”, “La palabra”, “Las hienas” ou “Ser brigada”. Protagonizaron un concerto sen fendas e que acabou como máis presta, ben arriba de intensidade de entrega, en especial co vigués Abraham Boba desatado coma cantante, frontman ou teclista incendiario. Foron do mellor do FIV 2014 e, a touro pasado, podemos dicir que poderían ter tocado máis tarde.

Ao igual que puideron facelo Los Coronas, un seguro de acerto en calquera festival. Coa súa solvencia e traxectoria atraerán máis ou menos, pero nunca ninguén dirá que sobran ou “non pegan”. Na cita chairega atinaron co acompañamento cinematográfico para o estilo de canción que estean a ofrecer nese momento, sexa achegándose ao caño roto, o surf, o ye-yé, o cañi, o rock and roll máis primixenio … Xa nos estamos afacendo a velos con frecuencia por estes lares e talvez por iso non sempre os valoremos como merecen. Son sinónimo de profesionalidade, espectáculo, conexión co público e vivimos tempos de bandas de directo, onde militan poucas que gañaran con creces a súa reputación como as de Fernando Pardo.

Noutro estilo, Izal son tamén unha desas bandas que gañan en seguidores a base de traballo, de deixarse ver por moitas pequenas salas e recintos e defender unhas cancións nas que confían e ás que a resposta do público están a dar a razón. A aposta de medios como Radio 3 axuda, é moito nestes tempos que favorecen unha audiencia que gusta de cancións con certo toque épico, desas que suben e baixan, alternando un chisco de contención con arroutes de enerxía. E así foi o concerto de Izal, semellante ao que aconteceu o día anterior cos Second: convenceron a fans que acompañan fieis as cancións e ofreceron un concerto correcto ou indiferente para quen non os seguen. Estes últimos probablemente terían posto o concerto antes dos León Benavente, pero os Izal xa teñen ese tirón que conta para a solvencia dun festival.

A banda portuguesa The Gift son outra formación que non defrauda a base dunha experiencia que vai cumprir os 20 anos de traxectoria. Como acontece coa organización dos festivais do seu país, coidan os detalles e dan o máximo de si (Un espello no que mirase para aprendermos!), sempre pendentes do público, coa Sónia Tavares e Nuno Gonçalves ao fronte. Repasaron temas máis ou menos recentes e sonaron impecábeis, sorprendendo a quen non os coñecía, como soe acontecer. Son un espectáculo coidado de música e estética que algún(ha)s xa vimos varias veces sen nos cansar.

O peor deste sábado foron as probas de son no medio do festival co público diante e os momentos previos a Estereotypo corroborárono. Non só quedan fatal senón que enfrían o ambiente por falta de música sonando en troques de bombo, riffs ou comentarios polo micro. En fin …

O remate púñao unha formación cántabra que está a se especializar en banda de rock electrónico para bailar a altas horas e cómpre dicir que xa “o cravan”. Unha proposta de riffs de guitarra, percusión contundente e bases electrónicas co xusto de complicación para facer bailar os corpos máis dispostos. Para este terceiro disco tomaron o seu tempo e coa nova formación repetiron no FIV volvendo a convencer.

A FIV de Vilalba repetiu cun cartel solvente e apoiado na escasa competencia festivaleira destas datas. A contrapartida a este feito é o frío da Terra Cha, pero iso xa escapa do control organizativo, no que sempre hai aspectos organizativos a mellorar ou pulir, pero cada vez menos. Penso na reacción ante eses momentos de son excesivo ou os espazos entre bandas. No musical sempre serán inevitábeis as discusións sobre as bandas contratadas, pero quen gostamos da variedade e entendemos os problemas de viabilidade aceptamos uns Amaral como cabeza de cartel.

Pepe Cunha, 22-abril-2014

AXENDA

Facebook

This message is only visible to admins.
Problem displaying Facebook posts. Backup cache in use.
PPCA Error: Due to Facebook API changes it is no longer possible to display a feed from a Facebook Page you are not an admin of. The Facebook feed below is not using a valid Access Token for this Facebook page and so has stopped updating.

12 hours ago

Ábrete de orellas
hoxe mércores Narci Rodriguez no Jazz Filloa coruñés#RESERVA ENTRADAS: jazzfilloa@jazzfilloa.comAFORO LIMITADO!! ... See MoreSee Less
Ver en Facebook