Como ten por costume, o selo Aloud Music edita propostas do menos habituais pero sobradas de calidade e capacidade de sorpresa. O debut do trío Fira Fem non ía ser unha excepción, cunha proposta escorregadiza e detallista que bebe de múltiples fontes, mais sempre cun pé na electrónica menos manida e outro no rock experimental. “Aedificatoria”contén máis de media hora de música abondosa tanto en detalles luminosos como en atmosferas inquedantes. Segundo van soando as nove cancións, poden caer pingas de psicodelia, kraut-rock ou tropicalismo que traen á mente referentes indie dos últimos anos como El Guincho, Delorean, Animal Collective, Deerhunter, Caribou, We Are Standard … Entre a variedade, soan bailables en “Pando Light”, relaxados como se espreguizasen en “Cine Azteca”, máis intensos en “We Like Yoghurt” ou máis pop en “Old Man’s Jacket”, aquí coa colaboración de Jamie e Pablo de Bikes&Girls. Ante tanto matiz, non hai mellor consello que darlles unha escoita no seu bandcamp ou na web de Aloud Music, onde podedes descargar de balde ou mercar.
Pepe Cunha, 2-maio-12
Featured