nota:
Ademais dos tres nomeados en cada unha das 16 categorías musicais e dos Premios Organistrum para a industria, MAV concederá este ano o seu Premio Honorífico ao mestre e artesán, Antón Corral.
57 proxectos pasarán á segunda rolda de votacións e os gañadores coñeceranse na gala de entrega de premios o 28 de abril .
Nun acto sinxelo e moi familiar, no que a música correu a cargo de Mr Cool, a Asociación de Músicos ao Vivo fixo pública a lista dos finalistas da 3ª edición dos PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. Foi no transcurso da Festa de Nomeados do certame que se volveu celebrar nas instalacións das Bodegas Martín Códax, en Cambados. Entre os finalistas, proxectos con traxectoria, e mesmo premiados en anteriores edicións, como Crebinsky, Davide Salvado, Wöyza ou Transilvanians; tamén moitos que repiten como finalistas, caso de Xoel López, Caxade, Dous ou Trilitrate ; pero ademais moitísimos proxectos novos que entran a formar parte da gran familia de escollidos que cada ano pugna por alzarse cos galardóns. Este é o listado os 57 proxectos nomeados:
Pop e indie: Eladio y los Seres Queridos / Novedades Carminha / Silvia Penide
Rock: Agoraphobia / Foxy Freire / Martelo
Blues, funk & soul: Nastasia Zürcher/ Pablo Carrera / The Lakazans
Jazz e músicas improvisadas: Alberto Vilas Quartet/ Orquestra de Jazz de Galicia / Xan Campos ESD
Hip-Hop e músicas urbanas: Sokram / The Last Minute Experience / Wöyza
Música clásica e contemporánea: The Last Man of Fukushima/ Vertixe Sonora Ensemble / Zoar
Folque: Caxade / Cuarteto Caramuxo / Vaamonde, Lamas e Romero /
Música tradicional galega: Davide Salvado / O Fiadeiro / Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
Músicas do mundo: Crebinsky / Dous / Trilitrate
Canción de Autor: Guadi Galego / Uxía & Narf / Xoel López
Música infantil: A Gramola Gominola / Brinca Vai! / Xiqui Xoque Fiú Fiú!
Electrónica: 2Pasos / Cinta Adhesiva / Croma
Metal: Aphonnic / In.Verno / Mutant
Reggae, Ska & Mestizaxe: A Banda da Balbina / Dakidarría / Transilvanians
Orquestras, grupos e música de verbena: Claxxon / Orquestra Os Modernos / Os da Ría
Coros e Grupos Vocais: De Vacas / Sisters in the House / The Lollipops
Premio Organistrum Salas: A Arca da Noe / Aturuxo / Garufa Club
Premio Organistrum Festivais: Espazos Sonoros / Feito a Man / Nigranjazz
Premio Organistrum Espazos de Comunicación Musical: Abretedeorellas / GZMúsica / Tres Peixes Voando
Ao remate do acto, o presidente das Bodegas Martín Códax, José Martínez Chantada, destacou que “é unha honra poder dar o noso nome a estes premios que se consolidan nesta 3ª edición e que se converten na gran festa da música galega e na oportunidade para visibilizar e recoñecer o traballo de toda a comunidade musical”. Chantada valorou a implicación da firma nestes premios como “unha aposta na que debemos estar unidas as empresas privadas e as administración públicas, comprometidas na difusión e fomento da nosa cultura”.
A presidenta de Músicos ao Vivo, Iria Piñeiro, agradeceu “a aposta e sensibilidade que demostraron todos os patrocinadores e colaboradores do certame, en especial os nosos anfitrións e alidados imprescindibles, as Bodegas Martín Códax” e destacou “a implicación dos músicos galegos unha vez máis nesta edición na que, a pesares do cambio e calendario, logramos reunir a 448 proxectos o que volve converter a web dos premios www.premiosmartincodaxdamusica.com na plataforma de música galega máis importante do momento; e demostra o indiscutible potencial musical de Galicia, afianzando a MAV como a casa común d@s músic@s alega@s”. Piñeiro lembrou que o balance non podía ser máis positivo: 396 grupos, 16 salas, 22 festivais e 14 medios de comunicación inscritos, e engadiu que “este terceiro certame pasará á memoria como a edición da normalización: o que parecía un fito histórico que viña facer xustiza e recoñecer o traballo de moitas carreiras musicais, pasou a formar parte da nosa realidade cotiá”. Canto á nova categoría de Coros e Grupos vocais, asegurou que “foi un grande acerto incluíla e ademais sabemos que aínda vai medrar moito porque agrupa a un colectivo enorme”. A voceira de MAV concluiu asegurando que “o espírito de comunidade, de sector estratéxico, de familia, de industria, de riqueza, de colectivo, emana outra vez máis nestes premios” e resaltou o feito de que en todas as categorías haxa proxectos consagrados, xunto con propostas radicalmente novas e frescas, algo que fai deste certame a convocatoria perfecta para dar a entender o que temos entre mans cando falamos de Música en Galicia”.
A esta festa de nomeados asistiu tamén o director da Agadic, Jacobo Sutil, que felicitou a todos os nomeados e reiterou o seu apoio a esta iniciativa da Asociación de Músicos ao Vivo. A Deputación de Pontevedra, a través da súa presidenta, Carmela Silva, e o Delegado de Cultura, Xosé Leal, participaban por vez primeira na festa cunha clara aposta polos proxectos que reforzan a imaxe de país e apoiando unha gala que terá un fragmento vinculado ao Ano Castelao que a institución promove.
Durante o acto presentáronse tamén as primeiras estatuíñas rematadas no obradoiro do escultor e músico, Víctor Lorenzo, que se entregarán aos premiados na gala que se celebrará o xoves 28 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra, e onde ademais dos 19 gañadores que sairán desta lista de finalistas, entregarase tamén o premio Honorífico Músicos Ao Vivo ao mestre e artesán Antón Corral.