Festival Treme a Terra Seráns en Lila: Sofía Espiñeira + Uxía & Narf + The Tetas”s Van

Decembro 12, 2015

nota:

O Treme a Terra está en marcha!!!

Logo de moitos atrancos e tras varios anos de silencio forzoso, conseguimos quitar adiante unha nova edición do noso festival. Este ano será en clave feminista. Non podemos permanecer máis tempo alleas a esta lacra. A violencia machista mata a ducias de mulleres cada ano. Por iso queremos facer un festival de reivindicación, un autofalante de todas esas mulleres que tamén padecen o noso silencio, esas mulleres que loitan cada día. Un espazo onde denunciar que o machismo mata. A palabra coma arma de combate. En definitiva, un espazo de reivindicación dos dereitos das mulleres fronte este sistema patriarcal.

Desta volta será nun lugar un tanto especial, máis íntimo, cálido e acolledor. O sábado 12 de decembro na sala Coliseo. Dende as 19:30, Fiadeiras presentarán o seu libro “Machismos: de micro nada”, unha obra colectiva que está enchendo auditorios nas sucesivas presentacións que fan ao longo do país. Nela denuncian as violencias machistas que mulleres e nenas afrontan na vida cotiá e onde recollen experiencias en relación ás formas sutís nas que se manifesta o patriarcado.

A parte musical a abrirá SOFÍA ESPIÑEIRA, vencedora do Certame de Canción de Autor en Galego “Concello de Teo”, que dará paso a Uxía e Narf con Luiz Caracol coma convidado especial. O peche musical virá da man das The Tetas´ Van.

Facebook

19:30 h.
Sala Coliseo, Pontedeume.
De balde.