Festival Sinsal San Simón 2014 (II), manterse con marxe para afinar; Sábado 26 de xullo

Xullo 29, 2014

Dadas as crónicas orelludas de edicións previas do Sinsal San Simón, pasarei por riba esas características diferenciadoras que o levan a notas e reseñas en prensa xeneralista ou de tendencias. A pasada fin de semana o lugar fermoso seguía aí, o tempo volvía acompañar e, no que se refire ao cartel secreto, á chegada á illa confirmei con ledicia dúas das sospeitas tras as pistas publicadas en redes sociais. Eran propostas de estilos digamos que máis “habituais”, pero con executantes non doados de ver por estes lares: pop psicodélico e claśico con Jacco Gardner e o punk-rock experimental dos veteráns Wire. Se a iso sumaba os descubrimentos que o colectivo Sinsal adoita regalar ao longo dos anos, todo pintaba de marabilla.

Falando por escenarios, o sábado gañou o da pequena illa de San Antón, acertadamente desprazado este ano para que as bandas gozasen de sombra e unhas vistas privilexiadas á paisaxe de Redondela. Antes, desde Canarias ao escenario Trobadores, Bel Bee Bee chegou para ofrecer unha actuación notable de pop electrónico que comezaba a abrir ben o apetito. Logo descubrimos que o prato forte resultou estar en San Antón con Jambinai. A formación surcoreana saciou gran parte das nosas ganas de exotismo, calidade e sorpresa nun mesmo prato. A bendita casualidade quixo que ao día seguinte desde a praia de Cesantes volvera relamberme cun rock que experimenta con contundencia apoiado en instrumentos tradicionais (haegeum, piri e geomungo) que, a diferencia doutros proxectos, conseguen manter a presenza entre os habituais de guitarra, baixo e batería. Soando ora tormentosos, ora relaxantes, Jambinai foron moi probablemente a sorpresa do festival.

Tras a hora para xantar ou procurar algunha das músicas escondidas, chegaba Chelsea Wolfe. Non fomos poucos os que tardamos pouco en desconectar malia a boa execución instrumental. Se cadra á escuridade do seu folk rock gótico acaeríalle mellor outro horario. Demasiado relax e brillo na atmosfera para unha proposta que ten coma nome do seu último disco un significativo “Pain Is Beauty” (“a dor é belleza”)

Entrementres, en San Antón apuraba os detalles a parella australiana Ginger and the Ghost, cunha posta en escea teatral, un son actual e unha sorrinte Missy que ademais da súa colorida maquillaxe decorou o escenario con ramas e flores que recolleu durante a proba de son. Alternando voz de nena con tons épicos, ofreceu un concerto agradable que enganchou co público. O ambiente era idóneo para recibir a actuación de Jacco Gardner. A formación de holandeses e un californiano cumpriu coas expectativas e ofreceu un concerto magnífico de pop folquie e psicodélico, perfectamento interpretado aos instrumentos e voces. Sen dúbida, as condicións si eran as mellores para o tipo de música.

Volta a San Simón ás 19h para Blam de Lam, outra aposta estatal da organización. Se con Bel Bee Bee acertaron, con esta coido que non. Non me estrañaría que o seu pop épico coa dose equilibrada de ruído dos de Xaén acabe por se facer un oco no circuito indie español. Non me pareceron tan novidosos ou prometedores aínda que na execución non parecían uns recén chegados, senón que soaban a músicos con táboas.

A pesar dos desexos e empeño da organización, os 2 días non se poden “cravar” na súa totalidade. Hai cousas que escapan ao seu control, como non poder contar cun artista para as dúas datas, un imprevisto, cambio de horarios por vóos dalgúns artistas … e aí xorden as comparacións entre unha xornada e a outra. Deste xeito, quen fomos venres e sábado vimos por segunda vez os Frikstailers en troques dunha proposta de seguro máis estimulante que cancelou xira. Repetiron a actuación do venres (xa comentada na anterior crónica) e pintaban mellor despois dos grandes Wire para que algúns puideramos gozar do concerto completo. Seica a lancha de prensa tiña máis demanda da prevista porque algúns asistentes foran ao peirao de Cesantes entroques de San Adrián.

Unha mágoa tremenda para un servidor que con 20 minutos constatou que esta banda xurdida no segundo lustro do setenta amosa un momento de forma excelente e defende con gran clase o seu rock tan punk como vangardista ou experimental. Soaron á vez potentes e nítidos, como as boas bandas. Unha lección auténtica, como a da organización no seu traballo detallista. Vémonos o ano que vén con outra combinación de actuacións sorprendentes e non tanto.

Pepe Cunha, 29-xullo-2014

AXENDA