Festival SinSal no.9 – Illa de San Simón

Xullo 04, 2011

Chegou o verán e con el os grandes festivais tamén a Galiza. Grandes en cifras e nomes, como o Sónar na segunda visita á Coruña ou o Derrame Rock na súa primeira a Ourense. Mais tamén un festival que quedará gravado na memoria das arredor de 400 persoas que del gozamos: o Festival SinSal no.9 – Illa de San Simón. Este colectivo vigués do SinSal leva case unha década amosando propostas opostas ás masificacións, á repercusión mediática baseada máis nos terreos comúns e os grandes nomes que na diferenciación e a curiosidade. Así comezaron na sala Vademecwm e foron crecendo aos poucos, sen présas: seguiron en Vigo no Teatro Salesianos, o Centro Cultural Caixanova ou o MARCO, mais levaron músicas a outras cidades e vilas do país por igrexas románicas, museos, prazas, ruínas ou teatros, ora co ciclo Espazos Sonoros ora coas súas extensións. E o pasado ano foi a mítica Illa de San Simón -noutrora refuxio de leprosos, campo de concentración e agora rehabilitado para seminarios e congresos- quen recibiu un dos seus concertos: Ariel Pink’s Haunted Graffiti. Se cadra daquela matinaron a idea de convertila tamén en sede dun festival de música. Sempre un chanzo máis sen sacrificar a perspectiva e os sinais de identidade. O do pasado sábado de seguro non será o seu tope, pero si queda xa coma un grande fito.

Como se trata dun espazo protexido, cunha riqueza natural a conservar, acceso en barco ou lancha e de limitadas dimensións, a mencionada cita anterior en San Simón tivera un aforo restrinxido a 140 persoas e desta vez púidose incrementar a case 400 máis organización e artistas. De contar cun escenario pasouse a tres para ofrecer os doce concertos de proxectos galegos e bandas de fóra. Tamén na capela e o auditorio houbo lugar para proxeccións audiovisuais (o documental “An Island”, un achegamento de Vincent Moon aos daneses Efterklang), proxectos de arte contemporánea de alumnos de Belas Artes de Pontevedra e propostas escénicas comisariadas por Normal, dependente da delegación para cultura da Universidade da Coruña. Coma resultado, un entorno privilexiado e ben acondicionado para gozarmos dunha sucesión de propostas variadas en actuacións breves, sen tempo para aburrir cando non enganchan pero co benvido risco de facerse curtas se agradan. A organización foi case impecable e a actitude dos artistas participantes realmente cálida, entregada, coas actuacións sucedéndose en horario ininterrumpido desde a 1 da mediodía até despois das dez da noite. Como ademais o tempo acompañou, todo sumou para o que finalmente resultou: unha atmosfera única de música, relax e natureza compartida por público e artistas. Só había que ver as nosas facianas.

Á unha do mediodía, e cunha calor importante, abriron os galegos 2US no escenario do Paseo dos Buxos. Por retraso nun dos barcos que chegaban á illa, non gozaron de moito público até o final da súa actuación, unha das que resultaron máis acaídas á contorma pois a súa música agroma do popular para ir coqueteando co funk, o jazz, o swing, a bossa nova, o folk ou o que lles preste, sempre cunha execución coidada. A continuación, The Marzipan Man desde Baleares, delgado, coa súa guitarra eléctrica, harmónica e unha voz fráxil, rematou as súas sinxelas pezas de folk de corte norteamericano cunha versión de “Suzanne” que foi ben agradecida. Xa eran horas de pensar en xantar e momento para comprobar que a organización tiña preparado un excelente plan de comedor cuberto e coidada oferta de buffet, bocadillos, tapas, bebida, froita e xelados a uns prezos estupendos. O DJ do colectivo Arkestra Mwëslee pechaba esta primera quenda do escenario do Paseo dos Buxos amenizando o xantar de moitos cun set que sen volantazos viaxou aos 80 coa música electrónica de baile, incluíndo unha lembranza á banda sonora de Vangelis para “Carros de fuego”.

Tocaba cambio de escenario e sufrimos o primeiro retraso ao chegarmos á zona do mirador empedrado de San Antón, onde si sopraba unha brisa agradecida para levar os máis de 30º pero incómoda para quen tiñan que subir ao escenario. As primeiras foron as Mürmel Bruxas (ou como as bruxas do norte ingresaron na Real Academia de Akelarres), proxecto musical e teatral de tres pedagogas musicais que conxuran pingas de espectáculo infantil, humor para todos os públicos, cantos gregorianos, música clásica, electrónica, pop, hip hop ou muiñeira. Unha das actuacións máis entretidas pola súa posta en escena. Turno para a flamante gañadora do Proyecto Demo do Festival de Benicassim e Radio 3, Jane Joyd, desta vez en formación de dúo con Elba na voz e guitarra e Xulio na percusión. A pesar de que o vento non respectoaba o seu aspecto lene, ela amosou convincentemente que está moi por riba da manida comparación coas intérpretes femininas de folk acústico do último par de anos. O absoluto silencio durante a súa versión do “barbudo” Bon Iver foi boa mostra de como agradaron a súa actuación e en especial a doce forza e os matices da súa voz. A batería de Xulio axudou incrementar a intensidade de varias das pezas.

Ben pasada a sobremesa e vendo as lanchas e iates na ría e a xente na pria de Cesantes chegaba o momento de bailar. Primeiro coa proposta de Bflecha, segunda achega do colectivo Arkestra, lanzando beats aompañados de hiphop, dubstep, electrofunk, synthpop e un toque naïf e melancólico na voz. Para quen estamos menos inmersos nestas propostas de baile, unha grata sorpresa. Segundo, e para rematar con este escenario tan feminino e acumulando xa retraso de máis de media hora, o baile sería máis roqueiro con The Kellies. Chegadas de Bos Aires presentáronse en trío básico de guitarra, baixo e batería para repasar dun xeito directo, divertido e espontáneo punk, new wave, algo de soul, garaxe à The Sonics e mesmo reggae ou cumbia. En inglés, castelán ou francés coa motivación da festa e a falla de prexuízos, mais sempre desde a perspectiva dun rock underground. A súa resistencia a abandoar o escenario sumaba xa unha hora de retraso que nos privou a moitos da actuación de Wooden Wand.

Tras cruzar a ponte de volta a San Simón, estreamos o escenario San Simón, nunha terraza de herba xunto ao embarcadoiro norte. O de Laetitia Velma era un dos concertos máis agardados, entre outras cousas por vir acompañada por Dominique A, produtor de su disco de debut, “Les eaux profondes”. Ela puña lirismo pop na voz e o teclado, ora con reverb ora limpo; el a súa intensidade contida na guitarra, como sen querer quitarlle protagonismo á súa parella(?). A proposta funcionou, sen moito máis, cun público que xa daquela se atopaba nun estado de relaxación total tras a calor sufrida, o xantar, un obrigado paseo pola illa, as vistas e 6 ou 7 concertos, pero aínda así bateu palmas até conseguir un merecido bis. En pé e volta ao Paseo dos Buxos para unha das sorpresas deste festival: o dúo Buke and Gass. Desde Brooklyn, Arone Dyner tocaba unha especie de ukelele eléctrico e Aron Sánchez un híbrido de guitarra e baixo. Ademais tiran de pedais e el toca cos pés un bombo con dúas pandeiretas no seu interior. Deste xeito traballan un experimento propio de rock acelerado, cunha voz usada case coma outro instrumento e un son a miúdo sucio que acaba atrapando a auidiencia nunha nebulosa sen escapatoria. Dado que un dos obxectivos de SinSal é sorprender e descubrir, Buke and Gass entran na súa lista de acertos.

Era daquela cando se esgotaran a cervexa e a auga, pero nesta atmosfera que crea o SinSal non agroman nin o pánico nin o cabreo e o servizo de restauración tivo o detalle de repartir de balde froita fresca. Tocaba ir rematando os concertos e, para finalizar, voltar ao escenario San Antón coas dúas propostas a priori máis contundentes e arriscadas do día. Os franceses Fat 32 cun endiañado e frenético duelo de teclados e batería que disque acabou por rebentar fusibles. Os estadounidenses Secret Chiefs 3 despois coa súa mestura de música electrónica, metal e “worldmusic”. O sol estaba para poñerse e tocaba despedirse dunha xornada inesquecible. Chegarán agora máis festivais, pero non se parecerán en case nada. As propostas diferentes serán as menos; as paraxes privilexiadas si as veremos no verán, pero estarán máis masificadas e non serán tan apreciadas sen comodidade. Os watios serán os grandes amos e os necesarios momentos de silencio non existirán. Probablemente os horarios se cumpran porque haberá que saltar de escenario ou deixar paso a cabezas de cartel. Os bocadillos serán express e aceitosos e non se esgotarán a auga ou a cervexa.

Por se alguén tiña dúbidas sobre este evento, Sinsal demostrou que a súa oferta ten as ideas claras: facer posibles os eventos aos que eles quererían acudir. Se cadra axudarnos a manter espertos os ouvidos e abertas as mentes. Ou ao revés? Sen dúbida, son un deses luxos que algún público sabe apreciar correspondendo con educación e recoñecemento. Non debería ser doutro xeito ante o que se llle ofrece: vontade, traballo e bo gusto. Quen nunca visitáramos a mítica illa, non puidemos atopar mellor excusa.

Parafraseando o que dicían na tamén diferente e lembrada película “Amanece, que no es poco”: neste mundiño dos concertos “SinSal, todos somos continxentes, pero ti es necesario”.

Facebook