Como é habitual, e xa van 5 anos, nada máis desembarcar na illa de San Simón esperábanos o panel co programa da xornada. Porén, este venres do SinSal de San Simón 2015 quería poñer a proba a organización. Viamos abondo movemento por parte da súa xente e comezamos a notar que, a diferencia doutros anos, algo fallaba claramente. Os exipcios Islam Chipsy non chegaron a saír do seu país, quedaron retidos nun aeroporto, e a chuvia da noite do xoves e mañá do venres puido coa protección do material, atrasando a disponibilidade do escenario da Illa de San Antón. O ambiente relaxado, respectuoso e familiar que segue a predominar nesta cita única mantivo a calma mentres a organización movía fichas entre certo caos informativo. Iso si, en só 4 horas conseguiron traer unha formación viguesa ben nova coma Sen Senra para paliar a espera e os cambios. Ademais, a actuación de Michael Rother foi desprazada ao final da xornada e os outros dous concertos do programa atrasáronse unha hora.
Tras reencontrármonos con compañeir@s de edicións anteriores e outras citas musicais e escoitar un pouco a banda local, chegaron as explicacións da organización ás 19 h., no mesmo escenario onde ía comezar deseguido Maika Makovski, na Illa de San Antón. Coa maior parte do concerto ao piano de cola, as cancións gañan un aire de musical, cabaret ou teatralidade que a artista domina con naturalidade, ao igual que un manexo sobresaínte dos rexistros da voz. Se lle sumamos o sorriso perenne, meteu o público no peto desde o comezo. Encantou e sobrepúxose ao vento que adoita levantarse nalgún momento na illa pequena.
Non o levaron tan ben Jolie Holland e o seu compañeiro na outra guitarra, pois sufriron con esa inclemencia. Se a súa proposta aferrada ao folk e o blues xa ten un carácter introspectivo e moito máis agrio que doce, pouco lles axudou ese estaren pendentes do vento que entraba polos micros e contribuía a desafinar as guitarras. Iso non quita que se puidesen ter dirixido un pouco máis a un público ben receptivo e agradecido como o que se achega a este festival. O seu concerto foi sobrio e intenso para quen conseguiron entrar na súa atmosfera e non é estrano que Tom Waits goste tanto dela. Agasallou ao final cunha versión dun “maldito” coma Townes Van Zandt, oriundo da súa mesma cidade.
O patriarca dos Neu! e Harmonia, xa no escenario da Illa de San Simón, puxo un final por todo o alto. Tivemos o privilexio da presenza dun nome de referencia para os amantes dos primeiros pasos guiados pola electrónica no pop e o rock. Aparte de sentirse agradado de que respondesemos con baile á súa música (“It”s good to see you dancing, keep moving”), como sería tónica habitual n@s artistas, eloxiou a contorna e a singularidade deste festival durante a súa estancia na illa, onde quedan @s artistas se a súa xira llelo permite. Eles mesmos andarían por aí o sábado escoitando as outras propostas musicais. A festa final que prometía o concerto da banda que non foi quedou nun baile máis contido que non estivo nada mal, como cabía de esperar dun pai da electrónica moderna. Nunha xira onde repasa a súa traxectoria baixo a denominación “Michael Rother presents NEU! Harmonia and solo works” adicou este concerto a outro pai, Moebius, o seu vello compañeiro en Neu! recentemente finado,
A xornada quedou ben, moitísimo mellor do que cabía prever nos primeiros momentos na illa. A boa resolución da organización tería premio na xornada seguinte, onde todo si sairía redondo e o sol se sumaría.
Pepe Cunha, 28-xullo-2015